21/12/09

Perdida na inmensa fraga.

Agora que xa estaba perdida no medio da inmensa fraga, parecíame unha tolería o que fixera. A intensa choiva e a treboada que estaba a caer fixo que Xulián non viñera. Non sabía como sair de alí e o meu mobil non tiña cobertura. O nivel do rçia subía máis e axiña ía desbordar. O medo comíame por dentro e xa eran as seis e media, case noite pecha. Os morcegos xa saíran e os corvos ollábanme, ó pasar entre as árbores, dunha maneira moi estraña. Pum, pum, pum...Sentín tres tiros. Asusteime e achegueime a unha árbore. Comecei a chorar. Quen había aí? Nun arrebato botei a correr. Pum, pum, pum... De súpeto escondínme no oco dun castiñeiro e volvín sentir aquilo. Cando me calmei botei de novo a correr. Pum, pum, pum...Mirei cara atrás e caín o tropezar cunha pedra. Levanteume e coxeaba, doíame moito un xeonllo. Pum, pum, pum...O son cada vez estaba máis preto. Levanteime como puiden pero a dor que sentía era inmensa. Pum, pum, pum...Cheguei a unha matogueira e tireime alí, para agocharme. Non podía andar. Tiña moito medo e faltábame a vida. As bágoas non paraban de escorregar pola miña cara, Non podía parar. O meu único pensamento era: "Vou quedar aquí" " Nunca vou saír de aquí" "Vou morrer". Pum, pum, pum... De sçupeto, alúa permitiume ver unha figura do outro lado da matogueira. Sen poder evitalo peguei un berro e logo levei as mans á boca. Pero unha voz doce e medorenta falaou:
-Rosa? Rosa? Es ti?
Era Xulián! Mirei para comprobar a miña afirmación. Si, era el, e levaba unha escopeta.
-Xulian!-exclamei.
-Rosa!
Correu ata xunto miña e abrazoume. Fora el quen disparara.
-Que fas coa escopeta?-preguntei asustada.
-É que pensei que virías e eu non tiña pensado vir. Pero como non te avisei, decidín saír a ver se te atopaba.
-Pois menos mal que viñeches! Estou perdida! Que medo pasei!
-É que como xa era case noite, tróuxena para defenderme.
-Invadiute o medo igual ca min, verdade Xulián?
-Si-contestou sinceramente.- Veña, imos.
-Non podo andar! Doéme moito o xeonllo.
-Moito? Que che pasou?
-Caín- contestei mirandoo fixamente.
-Pois lévote eu ó cabaliño.
E así fixemos. Parando cada pouco, conseguiu levarme ata a casa. Agora, cando lembro o ocorrido, malia o medo que pasei, gustaríame que volvera ocorrer.

Alba Díaz Fernández 2º A ESO

20/12/09

PRIMEIRO NÚMERO DA REVISTA ESCOLA PÚBLICA GALEGA

O sindicato STEG vén de publicar o 1º número da súa revista ESCOLA PÚBLICA GALEGA. Nel aparece un monográfico realmente interesante sobre a situación da lingua galega no ensino. Botádelle unha ollada.

PREMIOS DA EDICIÓN 2009

O sábado tivo lugar en Ourense a V noite sa edición de Galicia. No acto entregáronse os premios da Edición 2009. Os galardoados foron: Alberto Lema, Alonso MOntero, Rosa Aneiros, Millán Picouto, Fran Alonso, Eva Almazán, Gabriel Pacheco e a Fotobiografía Sonora de Ouvirmos.
Vieiros.

15/12/09

Gañadores do concurso de postais de Nadal

Despois de intensas deliberacións, o xurado por fin chegou a un acordo e decidiu que os gañadores do concurso deste ano son.........

1º Premio: Tania Blanco Parga. 4º PDC




Premio á orixinalidade: Carla Gallo Marcos. 1º ESO A



Premio ao esforzo: Iván Garabal Rodríguez. 1º ESO A


Os nosos parabéns e moitas grazas a tod@s pola vosa participación!!!
Lembrade que todas as postais están expostas no vestíbulo do edificio A.
Os PREMIOS entregaránse na biblioteca o día 22 ás 11:30 horas (no recreo)

29/11/09

CICLO DE CONFERENCIAS E CONCERTOS: Músicas galegas de actualidade

Desde o 30 de novembro e ata o 4 de decembro de 2009, a AS-PG e a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo organizan un ciclo de confencias e concertos, neste caso centrados nas músicas galegas de actualidade que se van desenvolver entre as 19:30 e as 21:30 horas no Museo Provincial de Lugo.
PROGRAMA:
Día 30 de novembro: Rosa María Fernández, Tradición e vangarda desde os mestres Bal y Gay e Ángel Barja: a música esquecida.
Actuación do Cuarteto de Cordas SANTART. Interpretarán o cuarteto nº 2 e o cuarteto nº 3
De Angel Barja, por primeira vez en Galiza despois da súa estrea.

Día 1 de Decembro: Luís Costa, A vontade identitaria do Coralismo Galego.
Intervención de Solo Voces que interpretará pezas de Pascual Veiga e Xoán Montes.

Día 2 de decembro: Xan Fraga: Contexto Histórico cultural no que xorde o movemento da nova canción galega. Os de música. Características da obra de Miro Casabella.
Intervención musical: Miro Casabella. Galeusca

Día 3 de decembro: Xurxo Souto, No ano do relampo, a selva diversa das músicas emerxentes.
Intervención en concerto de The Homens.

Día 4 de decembro: Carlos Villar Taboada: As músicas contemporáneas en Galicia: tendencias e compositores nun novo século.

Máis información e matrícula aquí.

27/11/09

EUROPA ADVIRTE A FEIJOO SOBRE A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

A European Bureau for Lesser Ussed Lenguages (EBLUL, Axencia Europea das Linguas Minorizadas) emitiu unha resolución na que reprende a política lingüística emprendida polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión de que este organismo celebrou onte en Barcelona.

O texto "informa" á Xunta de Galicia de que "as súas medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español" e contra a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas.

A EBLUL afirma na súa resolución que "resulta de especial gravidade" que "non só non se puxese en marcha ningunha das medidas recomendadas", senón "que se desmantelasen algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa", entre os que se cita á antiga Rede Galega de Escolas Infantís, Galescolas, "a única rede de ensino que contemplaba con normalidade o uso do galego".

O documento "anima" ao Goberno galego a "que desenvolva unha política lingüística de extensión social da lingua propia de Galicia", á vez que lle advirte que "de continuar a súa política de desprotección" trasladarase a situación aos diferentes foros internacionais onde a EBLUL atópase presente.

Esta entidade da UE está promovida polo Parlamento Europeo, e posúe rango de entidade consultiva ante o Consello de Europa e a Organización das Nacións Unidas (ONU).

25/11/09

PRIMEIRO DICIONARIO XURÍDICO EN GALEGO

O sábado pasado dentro dos actos conmemorativos do XX aniversario da asociación cultural focega A POMBA DO ARCO, Xoán Xosé Barreiro Prado, maxistrado da sección 2ª da Audiencia pontevedresa, anunciou a próxima publicación, cara á primavera, do 1º dicionario xurídico galego. Este traballo, no que o maxistrado participa xunto con outros compañeiros e no que levan traballando máis dun ano, é outra das mostras do seu compromiso coa lingua galega.
Ademais deste anuncio o maxistrado tamén fixo referencia, durante a súa intervención, a unha próxima modificación das leis que permitirá que calquera persoa presente durante os xuízos poderá actuar como tradutor en caso de que alguén dos implicados nos mesmos non entenda calquera das dúas linguas oficiais.
Despois de facer unha breve exposición sobre a súa traxectoria profesional e a súa experiencia como profesional da xustiza que dita todas as súas sentenzas en galego, Xoán Xosé afirmou que no campo da xustiza se bota en falta que a maioría dos avogados, aínda sendo galegofalantes, non empreguen o galego na sala dos xuízos.
A súa intervención rematou coas seguintes palabras: "no ámbito da xustiza non hai o conflito social que se quere facer ver"

STOP a VIOLENCIA de XÉNERO


Nós pedimos stop á violencia de xénero!
Nestas últimas semanas da clase de Cidadanía, fixemos un traballo sobre a violencia de xénero coa nosa mente posta en todas as vítimas falecidas en España.Despois de analizar os datos observamos que onde máis casos se dán é en Andalucia , C0munidade Valenciana e Cataluña. A media de vítimas cada ano por comunidade é de 19 persoas. Hai informes que confirman que o 80% das mulleres mortas en España por este tipo de violencia no 2008 non denunciaran o maltrato. Os grupos de idades máis afectados son, en 1º lugar, as mulleres comprendidas entre os 31-40 anos, seguidas polas de 21-30 anos. Un dos casos máis frecuentes é o das mulleres que despois de ser maltratadas denuncian a agresión pero as súas parellas non acatan a lei e continúan co acoso ata que finalmente as asasinan.
Hoxe é o día mudial contra a violencia de xénero. Tod@s deberiamos ser conscientes deste fenómeno que afecta a mulleres de todo o mundo. Cantas máis persoas nos unamos para loitar contra a violencia de xénero máis axiña a venceremos.

TODAS UNIDAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Xa hai uns cantos días que levamos preparando estes traballos na clase de Educación para a Cidadania. Dividimos a clase en seis grupos de tres ou catro persoas cada un para organizarnos.
No noso traballo pretendemos reflectir o que outras persoas expresarían nun texto, en imaxes, gravados e titulares de xornais.
Debuxamos como marco unhas mans para representar a unión de todas as mulleres contra esta barbaridade que nos está, na actualidade, a afectar a unha gran maioria de mulleres tanto no noso país coma no estranxeiro.
As nosas imaxes pretenden ensinar todo o que sofren ditas mulleres malia todas as campañas que se fixeron contra este tipo de violencia.
Buscamos diversas cancións que representan o día a día destas mulleres e todo o que sofren. De todas as que atopamos eliximos unha titulada:
"En tu ventana"- Andy y Lucas

23/11/09

CONCURSO DE TARXETAS DE NADAL



LEMBRADE que coma todos os anos, o ENDL xa convocou a nova edición do concurso de tarxetas de nadal. As bases do mesmo están nos taboleiros das vosas aulas así como tamén nos taboleiros dos corredores. ANIMÁDEVOS a participar. Fabulosos premios están agardando por vós.

22/11/09

SEGUEN COA TEIMA DA LINGUA

De seguro sabedes que o conselleiro de cultura presentou, en castelán, por suposto, o xoves, a nova web GASTRONOMÍA DE GALICIA. Dita web, patrocinada pola Xunta, só está en castelán. Pois ben, horas despois da presentación , por arte de maxia, desapareceron os logotipos da Xunta. POR QUE SERÁ???. Se queredes ver a noticia e tamén a presentación do conselleiro, premede aquí.

19/11/09

"LA LENGUA INÚTIL"

Artigo moi bo de Manuel Rivas sobre o xuíz de Alcorcón. Preme para ler o artigo.

18/11/09

MILLADOIRO ESTÁ DE CELEBRACIÓN


O grupo musical galego celebrará os seus 30 anos nos escenarios cunha xira por catro cidades galegas. Máis detalles aquí.

XOSÉ RAMÓN BARREIRO REMATA A SÚA ETAPA COMO PRESIDENTE DA RAG


A noticia aquí.

NOVA SENTENZA XUDICIAL SOBRE A ELECCIÓN DE IDIOMA

O Supremo desbota que os pais decidan sobre o idioma do ensino. Máis información aquí.

O QUE FALTABA POR VER!!!

Unha nai pode perder a custodia das súas fillas por escolarizalas en galego. A noticia completa aquí.

ENTRE OS DOUS CIRILOS, ESCOLLERON O MALO

Interesante artigo de opinión sobre a política cultural do novo goberno autonómico. Preme para velo.

13/11/09

REPRESENTACIÓN TEATRAL


O grupo de teatro cervense O BORDELO actúa en Lourenzá, mañá, sábado, 14 de novembro coa peza "O Mariñán". A representación dará comezo ás 20:00 nas instalacións do mercado gandeiro laurentino.

XX ANIVERSARIO DA POMBA DO ARCO


Con motivo do seu XX aniversario, a asociación socio-cultural focega A POMBA DO ARCO está a organizar os seguintes actos durante o mes de novembro:
- O venres 20 o acto «Foz, un pobo con historia propia» no que se contará coa presenza do cronista oficial focense Suso Fernández e do profesor xubilado de la Universidade de Vigo Francisco Carballo. Ambos falarán da relevancia histórica de Foz dentro da historia de Galicia, una charla, ademais, coa que A Pomba do Arco, «pretende reivindicar a recuperación da historia local como un todo dentro da historia nacional, defendendo a importancia da historia local para construír a nacional».

- O sábado 21 a xornada terá como título «Xornada da lingua» e como protagonistas directos á profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro e o maxistrado da Audiencia de Pontevedra Xosé Xoán Barreiro Prado. Curiosamente eles mesmos foron os que participaron no 1º acto que organizou a asociación hai xusto vinte anos.

- O venres 27 será a Festa da Palabra, con Luísa Castro, Miguel Anxo Fernán Vello e Lois Diéguez, un recital poético con voces representativas da xeración dos 70 e 80 e no que haberá unha lembranza especial para o socio de honor do colectivo Manuel María.


EN GALEGO, CON MOITO GUSTO


Interesante campaña de DINAMIZACIÓN LINGÜISTICA nos mercados de Ferrol. Entre as actividades organizadas, un concurso de recetas de cociña. Preme para ver a información.

FRANCO GRANDE E CARLOS VARELA, PREMIOS SAN MARTIÑO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Aquí a noticia.

`A noite que deixou de chover`CHEGA ANTES A INTERNET CA AOS CINES.


Aquí a noticia.

1ª ASAMBLEA XERAL DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL



O sábado, 7 de novembro, celebrouse en Santiago a 1ª asamblea xeral da coordinadora galega de ENDL. Alí estabamos coordinador@s de ENDL así como tamén profesor@s colaborador@s adscritos á coordinadora. Nestes momentos, e só uns meses despois de que este proxecto botase a andar, a coordinadora xa conta con 400 adhesións. Despois de se aprobaren os principios da coordinadora, o seu plano de traballo anual e o organigrama, escolleuse por unanimidade o seu consello directivo, integrado por dez persoas e que ten como coordinadora xeral a Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo. O acto foi clausurado pola nova coordinadora xeral quen afirmou que : "A CGENDL nace con intención de permanecer no tempo, de xuntar cada día máis apoios de ENDL e tamén de moitos docentes que queren colaborar connosco, nace para SUMAR o noso gran de area a prol da lingua galega, para -desde unha estratexia e discurso propios- acadar os nosos obxectivos.

Somos un colectivo plural, moi plural, de xente traballadora, razoable e con moita ilusión, que sempre estará aberto ao diálogo, sempre desde o respecto mútuo que nos caracteriza, e sempre desde a boa intención...

Mais, ímolo dicir ben alto e ben claro, todo o mundo debe saber

que nunca imos renunciar a defender o noso principal sinal de identidade,
que en ningún momento imos ter nin medo, nin preguiza de traballar pola súa normalidade, porque temos orgullo do noso, porque temos orgullo do galego
que nos imos facer escoitar porque temos algo que dicir sobre o galego no ensino, baseándonos na nosa experiencia e coñecementos."
Desd aquí aproveitamos para dar as grazas a este grupo de docentes polo seu traballo, esforzo e dedicación durante este tempo de andaina da coordinadora e enviámoslles todo o noso ánimo e apoio incondicional. Moita sorte nesta nova etapa!!!

12/11/09

Anxo Fariña


O 6 de novembro tivemos unha conferencia con Anxo Fariña
no IES de Foz. Contouos aos alumn@s como se debuxa e escribe
un conto; debuxou a unha nena de 2º chamada Sabela dunha forma especial. Tamén fixo historias c@s nos@s compañeir@s. Contounos cousas sobre o seus contos OS MEGATOXOS .Finalmente deu ao IES un exemplar e asinounos o libro.

FÁTIMA DILAMI BOUZRI 1º ESO

ANXO FARIÑA

O día 6 de novembro veu Anxo Fariña a dar unha charla no noso instituto. Asistimos os alumnos de 1º e 2º da ESO. Falounos dos seus libros e de que sacara unha terceira parte chamada “ Os Templarios da Luz”. Ensinounos a crear unha historia e fixo participar a varios voluntarios. Fixo unha caricatura dunha nena chamada Sabela. A min gustoume porque nos fixo rir con historias moi graciosas que se inventaba cos nosos compañeiros, o que o facía máis divertido.

Pero o mellor foi que me fixo perder o exame de mates.

Gemma Moreda Mariño.1º ESO.


Anxo Fariña

Ola, son unha alumna do centro I.E.S de Foz , e asistín á conferencia de Anxo Fariña. Pareceume moi orgulloso do seu último libro ¨ Os Megatoxos . Eu tiven o pracer de ler ese libro. Ao principio parecíame aburrido, pero logo no final xa resultaba máis entretido . A min persoalmente gustoume bastante.

O que máis me gustou do libro foron os personaxes : por exemplo Faísca porque tiña lume no pelo, estaba moi ben . Ruxe tamén me encantou porque podía converterse en calquera animal que desexase . Ben, eu escribo isto para felicitalo polo seu libro: encantoume .


Amanda Menéndez Suárez


VISITA DE ANXO FARIÑA


O día 6 de novembro fixo unha conferencia Anxo Fariña no salón de actos do instituto IES de Foz. Asistiron os alumnos de 1º e 2º da ESO; veu falar do seu traballo “Os Megatoxos”: explicounos como se debuxa e escribe un libro, de onde sacou a idea, as personaxes, enseinounos a estrutura dun microconto e debuxou unha compañeira dunha forma un tanto especial, poñéndolle un rabo e armas. A nós persoalmente gustounos moito sobre todo cando creaba historias coa axuda dos alumnos e aprendimos moito con esta experiencia.

Jennyffer Fernandes Barbosa e Irea Fernández Xove.



11/11/09

A BIBLIOTECA VIRTUAL DOS TRADUTORES AMPLÍASE CON NOVE TÍTULOS

Se che interesa coñecer os libros seleccionados preme aquí.

UN CAPÍTULO DA NOVELA GAÑADORA DO XERAIS NA REDE


A noticia completa aquí.

XERAIS ESTREA NOVO FORMATO


A editorial Xerais é a 1ª en lanzar as súas novidades en formato e-book. A noticia completa aquí.

PREMIO NACIONAL DE CÓMIC


"As serpes cegas" confirma o seu ano triunfal co Nacional de Cómic. A noticia completa aquí.

TÍRALLE DA LINGUA




A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca o X Concurso de relato oral "Tíralle da lingua" de acordo coas seguintes BASES:
1ª. As historias poderán ser de base popular, de base literaria ou de creación propia.
2ª. As historias contaranse en galego.
3ª. Os participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo por actuación (5minutos). A superación dese tempo pode supor a descualificación. Poderán participar cun máximo dunha historia.
4ª. O concurso vai destinado a tres niveis académicos: Primaria, primeiro ciclo de ESO, e 2º ciclo de ESO e ensino postobrigatorio.
5ª. O concurso farase en dúas fases: a nivel centro de ensino e a nivel nacional.
6ª. Na 1ª fase será o propio centro o que determine e se responsabilice dos posíbeis premios. O nº de concursantes que pasarán da 1ª á 2ª fase determinarase en función da participación, o que se comunicará aos centros.

ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!!! O Centro xa se encarga do proceso de inscrición.

7ª. A fase final celebrarase en Santiago no mes de abril, no teatro Principal, en dous grupos: un para primaria e 1º ciclo de ESO e outro para 2º ciclo de ESO e ensino postobrigatorio.
8ª. O 1º PREMIO ten un valor de 250€ e o 2º PREMIO , se o xurado así o estima, de 150€. Os centros de ensino dos participantes gañadores recibirán un premio do mesmo importe.
9ª. O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades e emitirá o dictame o mesmo día da celebración do concurso.

10/11/09

Presentación dun novo libro da editorial Kalandraka




O profesor e autor lucense Toño Núñez presenta o seu último libro infantil Mago Goma na Biblioteca Municipal de Lugo o próximo venres, 20 de novembro, ás 19:00.

5/11/09

Anxo Fariña visita o noso centro


O escritor Anxo Fariña visitará o noso centro mañá, 6 de novembro, ás 13:40. A actividade está dirixida ao alumnado de 1º e 2º ESO e inclúese dentro do programa de dinamización lingüística BOCABERTA. A próxima semana darémosvos boa conta de como transcorreu o encontro.

Lorenzo admite a "preocupación" da sociedade polo galego tras o 18-O

Para ver a noticia preme aquí

19/10/09

Manifestación en favor da nosa lingua

Onte tivo lugar en Santiago de Compostela unha manifestación multitudinaria en favor da lingua galega.Un dos datos máis salientables foi a pluralidade dos asistentes entre os que se atopaba xente castelán falante. Quedou ben claro de novo que a defensa da lingua non entende de ideoloxías. Se queres ver a información de O Xornal preme aquí.Se che interesa máis a información de El Progreso preme aquí.Se che interesa máis a información de La Voz de Galicia preme aquí.Se prefires ler a información de El País preme aquí

26/6/09

Nova idea do conselleiro de educación

Educación ve "legal" que os alumnos de 0 a 6 anos se eduquen na súa lingua materna e "progresivamente" na outra.Preme aquí se queres ver a noticia completa.

Anxo Lorenzo hai un ano

O Secretario xeral de Política Lingüística cambia de opinión en algo máis dun ano. Volverá a cambiar outra vez?. Preme aquí se queres ler o artigo que escribiu.

Manifesto dos/as mestres/as de lingua castelá

Os mestres e as mestras de lingua castelá únense á loita en contra da derrogación do decreto que regula o uso do galego no ensino. Podedes ver o texto íntegro pinchando aquí.

Teatro no IES de Foz

Para despedir o curso escolar o alumnado de 1º Bacharelato representou unha adaptación da obra Comedia Bífida de Manuel Núñez Singala.Os actores e actrices, moi nerviosos ante a estrea, levaron adiante a representación como verdadeiros profesionais e a obra tivo moi boa acollida.A temática da obra, seleccionada xa ao comezo do curso, foi moi apropiada dado o momento que estamos a vivir. Recomendámosvos que a leades. Non ten desperdicio e ademais faravos reflexionar dunha maneira irónica e divertida.Aquí tedes unha pequena mostra da representación.

24/6/09

nota de prensa da Coordinadora Galega de ENDL

VALORACIÓN DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL ANTE O DESENVOLVEMENTO DA CONSULTA ÁS FAMILIAS
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) quere poñer en coñecemento da sociedade galega o malestar creado pola imposibilidade de desenvolvermos con absoluta normalidade unha campaña informativa entre as familias, de entre as moitas que os equipos de normalización (ENDL) levamos realizando desde hai anos, tal e como se pode ver na propia web que acaba de lanzar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que, tal e como acaba de ratificar o Tribunal Superior de Xustiza, entran dentro das nosas funcións.
As ameazas xurdidas a raíz da posta en circulación do tríptico informativo “As linguas suman”, elaborado pola propia coordinadora e difundido masivamente por toda a comunidade escolar de Galicia, concrétanse en numerosos correos que recibiu a CGENDL onde se dá conta de:
• chamadas nocturnas aos teléfonos particulares de directores prohibindo expresamente o reparto do noso tríptico á mañá seguinte;
• obriga do profesorado a rexistrar nunha folla comentarios feitos nos centros polas nais e os pais acerca do inquérito;
• chamadas a coordinadores de equipos instándoos a retirar o material informativo xa distribuído;
• expulsión do recinto escolar do profesorado e ANPAs que pretendían repartir o material; ou
• ameazas de denuncias e aperturas de expedientes sancionadores.
Estes e outros feitos coartaron a liberdade de expresión do profesorado e someteron aos ENDL a unha censura que impedía que desenvolvesen libremente as actividades para as que legalmente están constituídos e sobre as que a inspección educativa non debe interferir sempre que estas se axusten a dereito, e aínda menos a través de indicacións orais e un correo anónimo que non posúen valor normativo ningún.
Por último, dende a CGENDL denunciamos que esta enquisa, carente de rigorosidade científica e de fiabilidade no proceso de recolla de datos, segue sumando novas irregularidades día a día, como que en moitos casos estea sendo cumprimentada directamente polo alumnado ou que non fose distribuída ata hoxe mesmo nos centros de educación especial (nalgúns deles nin sequera saben nada aínda). A este respecto, preguntámonos se estes rapaces e os seus pais teñen os mesmos dereitos que o resto das familias que poden participar na consulta.

Xornada de xogos populares na Pampillosa





Aínda que o día se presentou frío e algo chuvioso, a xornada transcorreu con normalidade e os-as rapaces-as disfrutaron participando nos distintos xogos. Ao final da xornada realizouse a entrega de premios e un pouquiño despois todos-as demos conta dun bo prato de churrasco e empanada. Xa se sabe que despois de facer exercicio sempre se agradece un bo xantar. Aí vos vai unha pequena selección da reportaxe fotográfica realizada polo noso compañeiro Uxío.Se queredes ver a reportaxe completa podedes facelo no noso álbum

15/6/09

Xogos populares

Xa estamos cos preparativos da xornada de xogos populares. Este ano os equipos terán asignados nomes de paxaros. Ide pensando quen vai formar parte de cada equipo. O xoves Tristán, o voso profesor de educación física, falará con vós para tomar nota dos membros de cada equipo. Non esquezades que vai haber premios e churrascada. Esperamos que o tempo nos acompañe.

BREVE VALORACIÓN DA ENQUISA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

A enquisa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pensa distribuír esta mesma semana entre as familias a través dos centros educativos é pouco rigorosa e mostra un grande descoñecemento tanto da sociolingüística coma do mundo do ensino, o que nos parece aínda máis grave. Por poñer un exemplo, non existen materias troncais no ensino non universitario, esta é unha terminoloxía do ensino universitario. Polo tanto, o señor Conselleiro debería saber que o que hai son materiais obrigatorias e optativas, propias de modalidade ou non. É así que non vén a conto empregar o termo “troncais” porque non hai unhas materias máis importantes ca outras, todas teñen unha misión educativa global.
Centrándonos na cuestión da análise sociolingüística, nunha breve análise podemos observar:
1. En qué documento, lexislación, tratado, artigo ou normativa aparece recollido o dereito a escolleren os pais a lingua da docencia dos fillos? Porque si existen moitos outros dereitos que as persoas, na maior parte dos casos, non poden exercer, por exemplo o dereito a seren atendidas en galego na Xunta de Galicia cando o soliciten.
2. Estase preguntando sobre un dereito, “o dereito de coñecer o galego”, fallando na metodoloxía, porque tal e como están presentadas as preguntas non fai falta ser moi experto para darse conta de que o que se extraia de aí non pode valer para moito e menos para facer un novo decreto. Porque? Nas opcións de resposta vemos:
· “todo en galego” que non se refire a todo o ensino en galego, senón a tódalas materias, que na enquisa se denomina troncais, en galego.
· “a maioría en galego” (que é a maioría?: o 52% ou o 95%?),
· “unhas en galego e outras en castelán”, a xente pode pensar que esta é a mellor resposta porque indicaría o 50% e iso non é certo. Se queremos que o 50% do ensino estea en galego hai que contestar “todas en galego” que é o que marca o actual decreto.
3. Tampouco é fiable xa que non presenta as mínimas garantías de calquera consulta para que os resultados sexan cribles. O universo da investigación parece que vai ser todo, pero, como o van garantir?
· A cantos pais lles vai chegar? Nestas alturas de curso, como van facer para que o alumnado entregue na casa a enquisa e a traia de volta no prazo duns días. Ademais, como van asegurar que a enquisa a van contestar os pais que deban facelo?
· Cantos pais van contestar? Os concienciados dunha ou doutra banda, pero vai ser fiable se só contesta un 10% e esa porcentaxe está nutrida maioritariamente por pais das urbes, por exemplo. para ter algunha fiabilidade debería haber unha mostra estratificada que cubra a diversidade sociolingüística da sociedade.
· Déixase a distribución e recolla en mans de direccións que no final de curso están sobrecargadas de traballo.
· Pregúntase aos pais con fillos escolarizados en xuño de 2009 mais non aos que van entrar no sistema en setembro. Contestan os pais que tiveron fillos neste curso que vai rematar dos que parte non van estar escolarizados no vindeiro curso? Por que non se lles pregunta aos pais que van escolarizar rapaces para o vindeiro curso?
4. Pretenden facer un referendum? Para iso habería que facer outras preguntas e formulalas de modo diferente. O que se cadra era interesante preguntar era se os pais consideraban importante que os seus fillos/as ao rematar o ensino obrigatorio fosen competentes nas dúas linguas oficiais en Galicia, con
dúas opcións de resposta: Si ou Non .
5. Non houbo unha campaña de información rigorosa previa. Non se deu. Prevalece a propaganda mediática que tivo e ten intencións políticas máis ca educativas. Non se lles pode mandar ós pais que contesten unha enquisa con tantas “eivas” nun momento de “marexada” informativa, cando ademais falamos dunha poboación que está chea de prexuízos cara ó galego derivados en moitos casos da represión lingüística que sufriu o galego ata os anos 80.
Para rematar: fará a Consellaría máis enquisas sobre temas fundamentais como a ratio de alumnos/as por grupo, a necesidade de persoal de apoio nas aulas ou pola seguridade nos autobuses? E se pregunta sobre o gasto en biblioteca por centro ou o financiamento dos comedores escolares?

CARTA-PRESENTACIÓN DO TRÍPTICO INFORMATIVO DA CGENDL

Os membros da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que,
polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.
Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.
Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino
deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.
Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades. Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.
E dito isto, queremos insistir en:
a. é unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade.
b. se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”.
c. o galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino.
Estes parécennos motivos suficientes e razoables para difundir este tríptico entre as familias e a sociedade galega en xeral. Polo tanto, está á disposición de todos aqueles ENDL, ANPAS, direccións de centros ou calquera persoa da comunidade educativa ou relacionada co mundo do ensino, e mesmo da sociedade en xeral, que queira difundilo.

AS LINGUAS SUMAN

Achegámosvos o tríptico informativo que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística realizou para as nais e os pais do alumnado galego


10/6/09

Música galega con Mini e Mero

Para completar o sentido da exposición proposta neste apartado, contaremos con dous referentes importantes da música galega, membros fundadores do grupo Fuxan os Ventos: Mini e Mero. Axudados de instrumentos musicais levarán o noso alumnado a facer unha viaxe a través da historia da música.

Teatro

Continuando co labor iniciado no curso 2007-08, o grupo de teatro porá en escena a obra “Comedia Bífida” de Manuel Núñez Singala. Este curso a representación da obra tamén se fará no CEIP número 1 dentro das xornadas de teatro que veñen realizando desde xa hai uns anos.

Xogos populares

Como vimos facendo desde hai uns cantos anos, celebraremos unha xornada de exaltación de xogos populares na praia da Pampillosa. Contaremos coa colaboración do Departamento de Educación Física para a organización da actividade e ademais con compañeiros do claustro para a realización da mesma.

Correlingua 2009

Como vén sendo habitual, o noso centro participará no CORRELINGUA 2009 así como nas actividades propostas para traballar co alumnado: Manifesto, Banda deseñada e Apologhit, que se poden atopar na páxina www.correlingua.org

Exposición: A música galega onte e hoxe


A música sempre foi un elemento importante nas nosas vidas: cancións de berce, panxoliñas, cantos de sega, cantos de cego… Hoxe en día o noso alumnado tamén vive vencellado á música. Porén, a maioría dos rapaces-as descoñecen cal á a historia da música galega. Parécenos pois interesante realizar un percorrido a través do tempo e da historia da nosa música a través dunha exposición.
Esta actividade permitiunos ademais realizar un pequeno concurso para os-as alumnos-as de 1º ESO que lles axudou a coñecer os espazos da biblioteca e a aprender a buscar información a través de distintas fontes.

Discofórum

Aproveitando as dotacións da nova biblioteca, iniciaremos durante este curso unha nova actividade de difusión de música galega.
Os-as usuarios-as da biblioteca poderán realizar audicións individuais de música galega, seleccionada previamente, nos ordenadores da biblioteca.
Cada quince días haberá información previa da música seleccionasa para ese período.

Regueifas cos "Carunchos"

Propoñemos nesta actividade unha xornada de regueifas coa participación activa do alumnado. Para isto contaremos coa colaboración do grupo “Os Carunchos”, especialistas no tema.

Linguamatón

Ao longo do curso, durante o tempo de lecer , a comunidade educativa terá a posibilidade de manifestar as súas opinións sobre distintos aspectos relacionados co idioma galego. As preguntas relativas ao tema serán propostas polo ENDL e a intervención dos participantes será gravada nun vídeo. O resultado deste traballo será exposto na páxina web do centro e proxectado no salón de actos.

I Concurso de fotografía O Mundo das Setas

Dende xa hai uns anos, no noso centro vense celebrando unha semana micolóxica organizada polo Departamento de Hostalería. Os-as alumnos-as e profesores-as do centro saen a recoller setas, clasifícanas para facer unha exposición e posteriormente algunhas das especies recollidas son cociñadas de diversas maneiras polo alumnado de Hostalería, e degustadas polos membros da comunidade educativa.
Aproveitando esta iniciativa, parécenos interesante convocar, en colaboración coa bibiloteca, un concurso de fotografía. Os traballos serán expostos no centro xunto co vocabulario galego referido ás imaxes.

Concurso Palabras encadeadas

Para levar a cabo esta actividade, organizaremos o alumnado de cada aula en grupos de 5 persoas. Cada grupo elixirá un nome relativo á paisaxe co cal se
identificará. Durante o primeiro trimestre o alumnado de cada aula, acompañado polo profesorado de linguas, sairá da súa clase para participar no concurso.
No hall do centro, habilitaranse dous paneis nos que cada grupo deberá seguir a cadea de palabras encadeadas. A primeira palabra de cada panel será proposta polo ENDL. Resultará gañador o grupo que escriba as palabras máis orixinais.

Concurso literario Coplas do Entroido

Na nosa vila o entroido vívese con moita intensidade e a maior parte dos nosos-as alumnos-as participan da festa. Este é un dos motivos que nos levou a convocar este certame literario coa intención de animar o tempo do entroido no centro. Ademais esta actividade pon o alumnado en contacto con mostras da literatura oral galega e tamén en certa medida co xénero do escarnio da lírica medieval galego-portuguesa.

Concurso literario: O amor en galego

O ENDL en colaboración co grupo de traballo da biblioteca promove un concurso literario na modalidade de poesía e prosa. Os traballos versarán sobre o AMOR en todas as súas vertentes: cartas de amor, poemas amorosos dirixidos a un ser real ou imaxinario, declaracións de amor ou calquera outro sentimento asociado ao amor (dor, ledicia, desengano...). Haberá dúas categorías, unha para o 1º ciclo de ESO, e outra para o segundo ciclo e Bacharelato.

Concurso de Tarxetas de Nadal

Propónselles aos-ás alumnos-as realizar unha tarxeta de felicitación do Nadal que teña como motivo central algún sentimento relacionado coa paz, solidariedade, amor... e inclúa un texto dun escritor galego.
A tarxeta gañadora será editada para enviar como felicitación das festas ao profesorado, pais-nais, persoal non docente, outros centros de ensino e distintas entidades e autoridades. Todas as tarxetas serán expostas no centro para dar a coñecer o traballo do alumnado tanto aos-ás pais-nais como aos membros da comunidade educativa.

Recollendo alcumes

No noso concello a utilización de alcumes para a identificación das familias é moi frecuente aínda que este costume se vai perdendo pouco a pouco. Parécenos pois moi interesante facer partícipe o noso alumnado desta tradición e ao mesmo tempo inplicar ás familias na actividade. O que se pretende é levar a cabo un traballo de investigación e recolleita de alcumes, intendando na medida do posible coñecer a orixe dos mesmos.

Coñece a túa costa

Propoñemos ao alumnado un percorrido pola costa mariñá (concello de Foz, ata o límite con Burela) para que a coñezan e poidan entender a súa toponimia. Na medida do posible intentarase descubrir a etimoloxía dos topónimos.
Para a realización desta actividade intentaremos contar coa axuda dalgún profesional da pesca focense así como de profesorado do departamento de bioloxía.
O resultado final reflexarase na realización dun mapa da costa (recollido a través de Internet co programa SIGPAC) onde se situarán os topónimos e as súas referencias etimolóxicas. O mapa será exposto no hall do centro para que toda a comunidade educativa teña acceso a esta información.

Aventúrate cos libros. Coñece a túa biblioteca

Aproveitando o feito de que no noso centro se inaugurará unha nova biblioteca (aberta ao público en xeral) durante este curso académico, pareceunos interesante poñer a andar este obradoiro que podería ter continuidade en anos sucesivos para o alumnado novo do centro. Trátase de aproveitar unha das lecturas (en galego) de carácter obrigatorio para organizar un xogo de pistas co apoio físico e material facilitado pola biblioteca. En colaboración co grupo de traballo da biblioteca, elaboraremos cuestións relativas á lectura e os-as alumnos-as deberán ir resolvéndoas coas pistas proporcionadas. As pistas agacharanse en distintos lugares: andeis, libros, ordenador... de tal maneira que os-as alumnos-as se vexan obrigados a familiarizarse cos fondos e con este espazo de lecer/ estudo.

Ramón Piñeiro e o galeguismo

Charla impartida por Eduardo Gutiérrez, cronista da vila de Ribadeo e membro da asociación cultural “Francisco Lanza”, coa que Ramón Piñeiro mantivo unha estreita relación.
A intencionalidade da actividade é a de divulgar a aportación de Ramón Piñeiro á cultura galega e ao galeguismo, no ano adicado á sua figura.

Os dereitos lingüísticos

Charla impartida por Iria Taibo. Esta charla parécenos moi interesante xa que a maioría do alumnado descoñece os dereitos lingüísticos que ten como galego falante.

9/6/09

Porque somos, porque queremos, porque debemos. O galego: presente e futuro

Charla impartida por Francisco Rei, responsable das mocedades e das zonas. A escolla ten que ver con dous aspectos; por unha banda o seu contido, que se axusta ao temario de Lingua e Literatura Galega de 2º Bacharelato (temas de “Lingua e Sociedade”), e por outra, os valores importantes que transmite sobre a concienciación do valor e do uso da nosa lingua.