26/6/09

Nova idea do conselleiro de educación

Educación ve "legal" que os alumnos de 0 a 6 anos se eduquen na súa lingua materna e "progresivamente" na outra.Preme aquí se queres ver a noticia completa.

Anxo Lorenzo hai un ano

O Secretario xeral de Política Lingüística cambia de opinión en algo máis dun ano. Volverá a cambiar outra vez?. Preme aquí se queres ler o artigo que escribiu.

Manifesto dos/as mestres/as de lingua castelá

Os mestres e as mestras de lingua castelá únense á loita en contra da derrogación do decreto que regula o uso do galego no ensino. Podedes ver o texto íntegro pinchando aquí.

Teatro no IES de Foz

Para despedir o curso escolar o alumnado de 1º Bacharelato representou unha adaptación da obra Comedia Bífida de Manuel Núñez Singala.Os actores e actrices, moi nerviosos ante a estrea, levaron adiante a representación como verdadeiros profesionais e a obra tivo moi boa acollida.A temática da obra, seleccionada xa ao comezo do curso, foi moi apropiada dado o momento que estamos a vivir. Recomendámosvos que a leades. Non ten desperdicio e ademais faravos reflexionar dunha maneira irónica e divertida.Aquí tedes unha pequena mostra da representación.

24/6/09

nota de prensa da Coordinadora Galega de ENDL

VALORACIÓN DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL ANTE O DESENVOLVEMENTO DA CONSULTA ÁS FAMILIAS
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) quere poñer en coñecemento da sociedade galega o malestar creado pola imposibilidade de desenvolvermos con absoluta normalidade unha campaña informativa entre as familias, de entre as moitas que os equipos de normalización (ENDL) levamos realizando desde hai anos, tal e como se pode ver na propia web que acaba de lanzar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que, tal e como acaba de ratificar o Tribunal Superior de Xustiza, entran dentro das nosas funcións.
As ameazas xurdidas a raíz da posta en circulación do tríptico informativo “As linguas suman”, elaborado pola propia coordinadora e difundido masivamente por toda a comunidade escolar de Galicia, concrétanse en numerosos correos que recibiu a CGENDL onde se dá conta de:
• chamadas nocturnas aos teléfonos particulares de directores prohibindo expresamente o reparto do noso tríptico á mañá seguinte;
• obriga do profesorado a rexistrar nunha folla comentarios feitos nos centros polas nais e os pais acerca do inquérito;
• chamadas a coordinadores de equipos instándoos a retirar o material informativo xa distribuído;
• expulsión do recinto escolar do profesorado e ANPAs que pretendían repartir o material; ou
• ameazas de denuncias e aperturas de expedientes sancionadores.
Estes e outros feitos coartaron a liberdade de expresión do profesorado e someteron aos ENDL a unha censura que impedía que desenvolvesen libremente as actividades para as que legalmente están constituídos e sobre as que a inspección educativa non debe interferir sempre que estas se axusten a dereito, e aínda menos a través de indicacións orais e un correo anónimo que non posúen valor normativo ningún.
Por último, dende a CGENDL denunciamos que esta enquisa, carente de rigorosidade científica e de fiabilidade no proceso de recolla de datos, segue sumando novas irregularidades día a día, como que en moitos casos estea sendo cumprimentada directamente polo alumnado ou que non fose distribuída ata hoxe mesmo nos centros de educación especial (nalgúns deles nin sequera saben nada aínda). A este respecto, preguntámonos se estes rapaces e os seus pais teñen os mesmos dereitos que o resto das familias que poden participar na consulta.

Xornada de xogos populares na Pampillosa





Aínda que o día se presentou frío e algo chuvioso, a xornada transcorreu con normalidade e os-as rapaces-as disfrutaron participando nos distintos xogos. Ao final da xornada realizouse a entrega de premios e un pouquiño despois todos-as demos conta dun bo prato de churrasco e empanada. Xa se sabe que despois de facer exercicio sempre se agradece un bo xantar. Aí vos vai unha pequena selección da reportaxe fotográfica realizada polo noso compañeiro Uxío.Se queredes ver a reportaxe completa podedes facelo no noso álbum

15/6/09

Xogos populares

Xa estamos cos preparativos da xornada de xogos populares. Este ano os equipos terán asignados nomes de paxaros. Ide pensando quen vai formar parte de cada equipo. O xoves Tristán, o voso profesor de educación física, falará con vós para tomar nota dos membros de cada equipo. Non esquezades que vai haber premios e churrascada. Esperamos que o tempo nos acompañe.

BREVE VALORACIÓN DA ENQUISA DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

A enquisa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pensa distribuír esta mesma semana entre as familias a través dos centros educativos é pouco rigorosa e mostra un grande descoñecemento tanto da sociolingüística coma do mundo do ensino, o que nos parece aínda máis grave. Por poñer un exemplo, non existen materias troncais no ensino non universitario, esta é unha terminoloxía do ensino universitario. Polo tanto, o señor Conselleiro debería saber que o que hai son materiais obrigatorias e optativas, propias de modalidade ou non. É así que non vén a conto empregar o termo “troncais” porque non hai unhas materias máis importantes ca outras, todas teñen unha misión educativa global.
Centrándonos na cuestión da análise sociolingüística, nunha breve análise podemos observar:
1. En qué documento, lexislación, tratado, artigo ou normativa aparece recollido o dereito a escolleren os pais a lingua da docencia dos fillos? Porque si existen moitos outros dereitos que as persoas, na maior parte dos casos, non poden exercer, por exemplo o dereito a seren atendidas en galego na Xunta de Galicia cando o soliciten.
2. Estase preguntando sobre un dereito, “o dereito de coñecer o galego”, fallando na metodoloxía, porque tal e como están presentadas as preguntas non fai falta ser moi experto para darse conta de que o que se extraia de aí non pode valer para moito e menos para facer un novo decreto. Porque? Nas opcións de resposta vemos:
· “todo en galego” que non se refire a todo o ensino en galego, senón a tódalas materias, que na enquisa se denomina troncais, en galego.
· “a maioría en galego” (que é a maioría?: o 52% ou o 95%?),
· “unhas en galego e outras en castelán”, a xente pode pensar que esta é a mellor resposta porque indicaría o 50% e iso non é certo. Se queremos que o 50% do ensino estea en galego hai que contestar “todas en galego” que é o que marca o actual decreto.
3. Tampouco é fiable xa que non presenta as mínimas garantías de calquera consulta para que os resultados sexan cribles. O universo da investigación parece que vai ser todo, pero, como o van garantir?
· A cantos pais lles vai chegar? Nestas alturas de curso, como van facer para que o alumnado entregue na casa a enquisa e a traia de volta no prazo duns días. Ademais, como van asegurar que a enquisa a van contestar os pais que deban facelo?
· Cantos pais van contestar? Os concienciados dunha ou doutra banda, pero vai ser fiable se só contesta un 10% e esa porcentaxe está nutrida maioritariamente por pais das urbes, por exemplo. para ter algunha fiabilidade debería haber unha mostra estratificada que cubra a diversidade sociolingüística da sociedade.
· Déixase a distribución e recolla en mans de direccións que no final de curso están sobrecargadas de traballo.
· Pregúntase aos pais con fillos escolarizados en xuño de 2009 mais non aos que van entrar no sistema en setembro. Contestan os pais que tiveron fillos neste curso que vai rematar dos que parte non van estar escolarizados no vindeiro curso? Por que non se lles pregunta aos pais que van escolarizar rapaces para o vindeiro curso?
4. Pretenden facer un referendum? Para iso habería que facer outras preguntas e formulalas de modo diferente. O que se cadra era interesante preguntar era se os pais consideraban importante que os seus fillos/as ao rematar o ensino obrigatorio fosen competentes nas dúas linguas oficiais en Galicia, con
dúas opcións de resposta: Si ou Non .
5. Non houbo unha campaña de información rigorosa previa. Non se deu. Prevalece a propaganda mediática que tivo e ten intencións políticas máis ca educativas. Non se lles pode mandar ós pais que contesten unha enquisa con tantas “eivas” nun momento de “marexada” informativa, cando ademais falamos dunha poboación que está chea de prexuízos cara ó galego derivados en moitos casos da represión lingüística que sufriu o galego ata os anos 80.
Para rematar: fará a Consellaría máis enquisas sobre temas fundamentais como a ratio de alumnos/as por grupo, a necesidade de persoal de apoio nas aulas ou pola seguridade nos autobuses? E se pregunta sobre o gasto en biblioteca por centro ou o financiamento dos comedores escolares?

CARTA-PRESENTACIÓN DO TRÍPTICO INFORMATIVO DA CGENDL

Os membros da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, docentes que traballamos nos colexios e institutos no día a día e que,
polo tanto, coñecemos a realidade dos centros e a súa situación lingüística, vemos con moita preocupación o problema xerado nos últimos tempos arredor da presenza das linguas no ensino, que derivou nunha confrontación aberta arredor dun ben común que nos tiña que unir, a lingua galega.
Consideramos que a convivencia do galego e o castelán non ten que ser un problema senón unha vantaxe, unha oportunidade para a nosa sociedade. Algo que todos os estudos, e que o sentido común da inmensa maioría da poboación galega avala, vén sendo perigosamente interpretado dende determinados sectores políticos. E máis perigoso é que se trasladen ós centros de ensino problemas que non atenden a razóns pedagóxicas, abocándonos cara a un escenario de lamentable confrontación social.
Ademais pensamos que dende unha perspectiva pedagóxica todos os implicados no ensino
deberiamos centrarnos en conseguir que os nenos e nenas sexan igualmente competentes en galego e castelán. Polo tanto, o debate que se ten que abrir é precisamente este: que medidas temos que adoptar para conseguir que os rapaces e rapazas dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.
Neste contexto elaboramos un tríptico destinado ás familias que é o que hoxe presentamos, e que se vai distribuír na medida das nosas limitadísimas posibilidades. Por que este tríptico? porque parece que hai que volver recordar que o galego é a lingua propia de Galicia; que nos pertence a todos e todas e non podemos xogar co seu futuro, porque intereses políticos, que non educativos, veñen de crear un problema no ensino arredor das dúas linguas oficiais que pode derivar nunha perigosa fractura social, polo tanto COMO DOCENTES pensamos que debemos ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas baseada en estudos científicos que se fixeron tanto dentro coma fóra da nosa comunidade.
E dito isto, queremos insistir en:
a. é unha sorte, non é unha desgraza, que a nosa comunidade conte cunha lingua milenaria, que nos debe unir. Polo tanto non se debe permitir que triunfe a idea de que o galego é un obstáculo para os estudantes, mantendo vellos prexuízos que no século XXI deberían estar plenamente superados, pero que pretenden manter relegada a lingua galega nun lugar secundario na sociedade.
b. se é evidente que para mellorar a competencia en lingua inglesa é necesario que se impartan en inglés determinadas materias, a sociedade galega debe asumir tamén o mesmo para a lingua galega, é dicir, que para saber galego é necesario “aprender en galego”.
c. o galego segue a ser unha lingua minorizada na nosa comunidade e polo tanto necesita unha discriminación positiva tanto dentro coma fóra do ensino.
Estes parécennos motivos suficientes e razoables para difundir este tríptico entre as familias e a sociedade galega en xeral. Polo tanto, está á disposición de todos aqueles ENDL, ANPAS, direccións de centros ou calquera persoa da comunidade educativa ou relacionada co mundo do ensino, e mesmo da sociedade en xeral, que queira difundilo.

AS LINGUAS SUMAN

Achegámosvos o tríptico informativo que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística realizou para as nais e os pais do alumnado galego


10/6/09

Música galega con Mini e Mero

Para completar o sentido da exposición proposta neste apartado, contaremos con dous referentes importantes da música galega, membros fundadores do grupo Fuxan os Ventos: Mini e Mero. Axudados de instrumentos musicais levarán o noso alumnado a facer unha viaxe a través da historia da música.

Teatro

Continuando co labor iniciado no curso 2007-08, o grupo de teatro porá en escena a obra “Comedia Bífida” de Manuel Núñez Singala. Este curso a representación da obra tamén se fará no CEIP número 1 dentro das xornadas de teatro que veñen realizando desde xa hai uns anos.

Xogos populares

Como vimos facendo desde hai uns cantos anos, celebraremos unha xornada de exaltación de xogos populares na praia da Pampillosa. Contaremos coa colaboración do Departamento de Educación Física para a organización da actividade e ademais con compañeiros do claustro para a realización da mesma.

Correlingua 2009

Como vén sendo habitual, o noso centro participará no CORRELINGUA 2009 así como nas actividades propostas para traballar co alumnado: Manifesto, Banda deseñada e Apologhit, que se poden atopar na páxina www.correlingua.org

Exposición: A música galega onte e hoxe


A música sempre foi un elemento importante nas nosas vidas: cancións de berce, panxoliñas, cantos de sega, cantos de cego… Hoxe en día o noso alumnado tamén vive vencellado á música. Porén, a maioría dos rapaces-as descoñecen cal á a historia da música galega. Parécenos pois interesante realizar un percorrido a través do tempo e da historia da nosa música a través dunha exposición.
Esta actividade permitiunos ademais realizar un pequeno concurso para os-as alumnos-as de 1º ESO que lles axudou a coñecer os espazos da biblioteca e a aprender a buscar información a través de distintas fontes.

Discofórum

Aproveitando as dotacións da nova biblioteca, iniciaremos durante este curso unha nova actividade de difusión de música galega.
Os-as usuarios-as da biblioteca poderán realizar audicións individuais de música galega, seleccionada previamente, nos ordenadores da biblioteca.
Cada quince días haberá información previa da música seleccionasa para ese período.

Regueifas cos "Carunchos"

Propoñemos nesta actividade unha xornada de regueifas coa participación activa do alumnado. Para isto contaremos coa colaboración do grupo “Os Carunchos”, especialistas no tema.

Linguamatón

Ao longo do curso, durante o tempo de lecer , a comunidade educativa terá a posibilidade de manifestar as súas opinións sobre distintos aspectos relacionados co idioma galego. As preguntas relativas ao tema serán propostas polo ENDL e a intervención dos participantes será gravada nun vídeo. O resultado deste traballo será exposto na páxina web do centro e proxectado no salón de actos.

I Concurso de fotografía O Mundo das Setas

Dende xa hai uns anos, no noso centro vense celebrando unha semana micolóxica organizada polo Departamento de Hostalería. Os-as alumnos-as e profesores-as do centro saen a recoller setas, clasifícanas para facer unha exposición e posteriormente algunhas das especies recollidas son cociñadas de diversas maneiras polo alumnado de Hostalería, e degustadas polos membros da comunidade educativa.
Aproveitando esta iniciativa, parécenos interesante convocar, en colaboración coa bibiloteca, un concurso de fotografía. Os traballos serán expostos no centro xunto co vocabulario galego referido ás imaxes.

Concurso Palabras encadeadas

Para levar a cabo esta actividade, organizaremos o alumnado de cada aula en grupos de 5 persoas. Cada grupo elixirá un nome relativo á paisaxe co cal se
identificará. Durante o primeiro trimestre o alumnado de cada aula, acompañado polo profesorado de linguas, sairá da súa clase para participar no concurso.
No hall do centro, habilitaranse dous paneis nos que cada grupo deberá seguir a cadea de palabras encadeadas. A primeira palabra de cada panel será proposta polo ENDL. Resultará gañador o grupo que escriba as palabras máis orixinais.

Concurso literario Coplas do Entroido

Na nosa vila o entroido vívese con moita intensidade e a maior parte dos nosos-as alumnos-as participan da festa. Este é un dos motivos que nos levou a convocar este certame literario coa intención de animar o tempo do entroido no centro. Ademais esta actividade pon o alumnado en contacto con mostras da literatura oral galega e tamén en certa medida co xénero do escarnio da lírica medieval galego-portuguesa.

Concurso literario: O amor en galego

O ENDL en colaboración co grupo de traballo da biblioteca promove un concurso literario na modalidade de poesía e prosa. Os traballos versarán sobre o AMOR en todas as súas vertentes: cartas de amor, poemas amorosos dirixidos a un ser real ou imaxinario, declaracións de amor ou calquera outro sentimento asociado ao amor (dor, ledicia, desengano...). Haberá dúas categorías, unha para o 1º ciclo de ESO, e outra para o segundo ciclo e Bacharelato.

Concurso de Tarxetas de Nadal

Propónselles aos-ás alumnos-as realizar unha tarxeta de felicitación do Nadal que teña como motivo central algún sentimento relacionado coa paz, solidariedade, amor... e inclúa un texto dun escritor galego.
A tarxeta gañadora será editada para enviar como felicitación das festas ao profesorado, pais-nais, persoal non docente, outros centros de ensino e distintas entidades e autoridades. Todas as tarxetas serán expostas no centro para dar a coñecer o traballo do alumnado tanto aos-ás pais-nais como aos membros da comunidade educativa.

Recollendo alcumes

No noso concello a utilización de alcumes para a identificación das familias é moi frecuente aínda que este costume se vai perdendo pouco a pouco. Parécenos pois moi interesante facer partícipe o noso alumnado desta tradición e ao mesmo tempo inplicar ás familias na actividade. O que se pretende é levar a cabo un traballo de investigación e recolleita de alcumes, intendando na medida do posible coñecer a orixe dos mesmos.

Coñece a túa costa

Propoñemos ao alumnado un percorrido pola costa mariñá (concello de Foz, ata o límite con Burela) para que a coñezan e poidan entender a súa toponimia. Na medida do posible intentarase descubrir a etimoloxía dos topónimos.
Para a realización desta actividade intentaremos contar coa axuda dalgún profesional da pesca focense así como de profesorado do departamento de bioloxía.
O resultado final reflexarase na realización dun mapa da costa (recollido a través de Internet co programa SIGPAC) onde se situarán os topónimos e as súas referencias etimolóxicas. O mapa será exposto no hall do centro para que toda a comunidade educativa teña acceso a esta información.

Aventúrate cos libros. Coñece a túa biblioteca

Aproveitando o feito de que no noso centro se inaugurará unha nova biblioteca (aberta ao público en xeral) durante este curso académico, pareceunos interesante poñer a andar este obradoiro que podería ter continuidade en anos sucesivos para o alumnado novo do centro. Trátase de aproveitar unha das lecturas (en galego) de carácter obrigatorio para organizar un xogo de pistas co apoio físico e material facilitado pola biblioteca. En colaboración co grupo de traballo da biblioteca, elaboraremos cuestións relativas á lectura e os-as alumnos-as deberán ir resolvéndoas coas pistas proporcionadas. As pistas agacharanse en distintos lugares: andeis, libros, ordenador... de tal maneira que os-as alumnos-as se vexan obrigados a familiarizarse cos fondos e con este espazo de lecer/ estudo.

Ramón Piñeiro e o galeguismo

Charla impartida por Eduardo Gutiérrez, cronista da vila de Ribadeo e membro da asociación cultural “Francisco Lanza”, coa que Ramón Piñeiro mantivo unha estreita relación.
A intencionalidade da actividade é a de divulgar a aportación de Ramón Piñeiro á cultura galega e ao galeguismo, no ano adicado á sua figura.

Os dereitos lingüísticos

Charla impartida por Iria Taibo. Esta charla parécenos moi interesante xa que a maioría do alumnado descoñece os dereitos lingüísticos que ten como galego falante.

9/6/09

Porque somos, porque queremos, porque debemos. O galego: presente e futuro

Charla impartida por Francisco Rei, responsable das mocedades e das zonas. A escolla ten que ver con dous aspectos; por unha banda o seu contido, que se axusta ao temario de Lingua e Literatura Galega de 2º Bacharelato (temas de “Lingua e Sociedade”), e por outra, os valores importantes que transmite sobre a concienciación do valor e do uso da nosa lingua.