28/2/10

ORGULLOSOS DO NOSO, ORGULLOSOS DO GALEGO

Este é o título da campaña elaborada pola Coordinadora Galega de ENDL e que se presenta con dúas partes. Unha , con materiais para imprimir e distribuír a través dos ENDL dos centros educativos e aos que tamén pode ter acceso calquera persoa interesada. E outra, cos vídeos que vos presentamos a continuación.
O que pretende a Coordinadora é amosar o orgullo que temos @s galeg@s pola nosa lingua porque somos moit@ @s que estamos orgullos@s de termos unha lingua propia.


CLUBE DE LECTURA A POMBA DO ARCO


A asociación sociocultural focega A POMBA DO ARCO acaba de inaugurar o seu clube de lectura. A primeira reunión tivo lugar o 18 de febreiro e a próxima celebrarase o 25 de marzo.Cada mes lerase un libro en galego e as reunións celebraranse o último xoves de cada mes no local da asociación, na casa do mar. Ademais da lectura realizaranse actividades complementarias como encontros con autor@s, presentacións de libros ... Tod@s @s que esteades interesad@s en participar tedes información en http://clubedelecturaapombadoarco.blogaliza.org/

25/2/10

CALENDARIO 2010

Presentámosvos, aínda que cun pouco de retraso, o calendario do ano 2010 elaborado polo ENDL. Esperamos que vos guste e vos sexa de utilidade a prof@s e alumn@s.Aquí o tedes.

18/2/10

ESTE ANO OS GOYAS FALARON EN GALEGO

O actor galego Luís Tosar recibiu o seu terceiro Goya pola interpretación como protagonista no filme CELDA 211. No seu discurso de agradecemento o actor empregou o seu idioma demostrando o orgulloso que se sente da súa lingua. Unha vez máis queda ben claro que o galego non é ningún impedimento para chegar lonxe senón todo o contrario. Estarían preocupados o sr. Feijoo e o conselleiro de cultura alí presentes por se alguén non entendeu as palabras do actor???
A directora da produtora tamén quixo deixar constancia da orixe galega da empresa polo que optou tamén por pronunciar unhas palabras na súa lingua.

UN ANO MÁIS AGASALLAMOS EN GALEGO



@s alumn@s colaboradores do ENDL repartiron a semana pasada entre @s comerciantes foceg@s etiquetas para agasallar en galego. A campaña iniciada xa hai dous anos continúa tendo unha boa acollida entre o empresariado que manifesta as dificultades coas que se atopan para conseguir este tipo de material en galego. Presentámosvos o traballo realizado polo departamento de Plástica.

10/2/10

AS ÁRBORES POLÍGLOTAS



Presentámosvos os primeiros froitos das nosas árbores políglotas. Trátase dunha actividade coa que conmemoraremos cada mes datas significativas tales como O Día da Paz, O día da Lingua Materna ... e ademais pretendemos insistir na idea de que todas as linguas son VÁLIDAS. Nas follas penduradas no teito da nosa biblioteca aparecen palabras en distintas linguas (castelán, galego, francés, árabe, grego, latín e inglés) relacionadas coas datas escollidas.

4/2/10

ANXO LORENZO EN APUROS

O día 30 do pasado mes, ao remate da Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística, produciuse un interesantísimo debate entre @s mestr@s e profesor@s alí presentes e o Secretario Xeral de Política Lingüística. Recomendámosvos ver o vídeo "As aulas e o despacho" que recolle o momento.
http://vimeo.com/9173324

OS LIBROS ARDEN MAL de Manuel Rivas xa ten versión inglesa


O libro traducido ao inglés (Books burn badly) será presentado en Londres polo seu autor e o tradutor, Jonathan Dunne, quen hai doce anos que interpreta ao escritor. Despois do éxito da tradución d´O lapis do carpinteiro (12.000 exemplares), o tradutor cre que a tradución d´Os libros arden mal é "un paso xigante para Rivas e a literatura galega".
Jonathan Dunne afirma que "é unha mágoa que ese camiño aberto por Rivas estea completamente desaproveitado”. “Precísanse máis traducións ao inglés, pero non feitas en quince días, senón de calidade, e un esforzo moito maior na internacionalización da literatura e a cultura galegas”.

A noticia en Xornal de Galicia

AS BASES DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO SEGUEN A RECIBIR DURAS CRÍTICAS

O Ditame do CONSELLO DA CULTURA GALEGA realiza rigorosas críticas a varios puntos das “Bases” e expóñense propostas alternativas que poidan ser recollidas no eventual decreto a que aquelas poidan dar lugar.

Puntos máis destacados do Ditame:

1. O Decreto ou norma a que dean lugar estas “Bases” debe centrarse exclusivamente na regulación do uso das linguas oficiais no sistema educativo e na promoción do idioma galego.

2. A lingua da Administración educativa, dos centros de ensino dependentes dela e do persoal ao seu servizo debe continuar a ser, con carácter xeral, a lingua galega, como se recolle no Decreto de 2007 actualmente vixente.

3. A utilización vehicular da lingua estranxeira debe ser introducida de xeito gradual e voluntario, acompañada de medidas de reforzo, como sucede na maioría dos países do noso entorno europeu. A Formación profesional específica e as ensinanzas artísticas e deportivas deben tamén beneficiarse desas medidas.

4. Na etapa de educación infantil, debe seguirse como criterio xeral o uso na aula da lingua predominante entre o alumnado. Ao mesmo tempo, o Consello recomenda prestar unha maior atención á lingua minoritaria nas aulas.

5. As linguas vehiculares no ensino da Educación primaria, Secundaria obrigatoria e Bacharelato deben ser reguladas á luz do preceptuado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega cando dispón que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego”, dado que se trata, máis que de equilibrio ou paridade entre linguas iguais, de evitar as desigualdades con que de partida conta a lingua galega.

6. As previsións referentes á consulta vinculante ás familias para a determinación do uso do galego ou o castelán como linguas vehiculares nunha serie de materias da Educación primaria, secundaria obrigatoria e Bacharelato deben decaer, tanto por razóns de principio como por cuestións prácticas e de procedemento.

Podedes ver o informe completo.

AS 55 MENTIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA


A plataforma Prolingua presentará un libro no que desmonta as principais falacias sobre o idioma que nos é propio.

Fóra prexuízos, falsas teses de imposición lingüística, fóra tópicos. A plataforma Prolingua presentará o vindeiro venres 5 de febreiro o libro '55 mentiras sobre a lingua galega'. A publicación, coordinada polo profesor Xosé Henrique Costas, pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.”

Pero un dos aspectos máis chamativos da presentación do 5 de febreiro é que se fará de xeito simultáneo en máis de medio cento de cidade e vilas de Galiza e do estranxeiro. Así, á mesma hora, diferentes persoas encargaranse de dar a coñecer a publicación nas principais cabezas de comarca do país; en cinco localidades do Estado Español (Ponferrada, Madrid, Barcelona, Gasteiz e Trintxerpe). O libro tamén se dará a coñecer esa mesmas xornada en Tübingen, Bos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.

2/2/10

CONTOS SEN MEDO

O grupo Tropa de trapo presentou o espectáculo "Contos sen medo" no noso centro. @s alumn@s de 4º Eso e 1º Bacharelato participaron activamente no obradoiro de improvisación. Podedes ver a súa actuación no seguinte vídeo.

MÁIS NOVAS SOBRE O DECRETO

O ditame do Consello da cultura Galega sobre o novo decreto do galego no ensino xa foi enviado á Xunta. O organismo presentará as súa conclusións de forma pública na xornada de hoxe.
Credes que o seu traballo será tido en conta ou ignorado, por non ser vinculante, pola Xunta de Galicia?. Podedes ler a noticia.

1/2/10

ANXO LORENZO E AS "SÚAS ACLARACIÓNS"

O brillante Secretario Xeral de Política Lingúística segue na súa liña de falar sen dicir nada. Anuncia que o novo decreto estará en febreiro e cun reparto ao 50% entre galego e castelán e recoñece que aínda lles quedan algúns "asuntiños" por solucionar. Refírese entre outros aspectos ao proceso de consulta a pais para que elixan o idioma e ao tema dos libros de texto, que parece que quedará aínda pendente no próximo curso escolar.
Como é que non se lles ocorreu pensar na maneira de poñer en práctica o proxecto antes de elaborar as bases? Pequenos lapsus do novo goberno autonómico!!
A noticia completa en O Xornal