25/11/10

O MAGO TETO NO IES de Foz




A visita do mago Teto reuniu os-as alumnos-as de 3º, 4º ESO e 1º BACH no salón de actos do instituto. Durante unha hora puidemos disfrutar da maxia deste artista, quen cos seus trucos, para nós inexplicables, nos fixo sentir o pracer de comprobar que hai algo máis que o que a simple vista se ve.
Con suspense, converteu un billete de 5€ nun de 10. Fixo desaparecer outro que apareceu nun pitillo ..., pero sen dúbida o que máis me impresionou foi ver como facía desaparecer un pano branco ou como, pouco a pouco, ía convertendo o pano branco nun pano azul. Bo espectáculo de maxia !!!


Diego Rega García, 3º ESO B



Pensei que o mago Teto ía ser un deses magos que fan trucos cutres, pero non foi así senón que foi un mago que fixo verdadeira maxia. Comezou a actuación sacando cartas sen parar e contando moitas cousas graciosas (nunca me rira tanto). detrás de min estaba sentada unha rapaza que non parou de rir durante a hora que durou a actuación. Oxalá que volva axiña polo centro!!!

Manuel Sanjurjo Rodríguez, 3º ESO B





Eu fun ver o espectáculo de maxia con poucas expectativas xa que pensei que se lle verían todos os trucos e que sería unha hora perdida, pero equivoqueime xa que o mago era bo e ademais moi divertido. Paseino moi ben, o espectáculo foi entretido e fixo algúns trucos inexplicables. O mago pediu a colaboración de xente do público, tanto de alumnos-as coma de profesore-as, pero algúns resultaron ser colaboradores un pouco sosos. A actividade gustoume moito e o mago soubo actuar moi ben.

Xián Paz Díaz, 3º ESO B











O mércores, 17 de novembro, asistimos ao espectáculo de maxia do mago Teto. Para min, foi unha experiencia divertida e entretida xa que o mago conseguiu impresionar a toda a sala cos seus trucos de maxia e as súas bromas. Tamén me gustou porque non era o típico mago con capa e chisteira, senón que foi moi cercano a nós como se fose un máis. Gustaríame outra representación dun mago coma o mago Teto!!


Julia García Currás, 3º ESO A





Despois de varios días de espera chegou o día no que nos facía unha agradable visita un mago, chamado o mago Teto. Foi incrible, facía trucos boísimos que nos deixaron abraiados, desde facer desaparecer obxectos ata facer que se transportasen dun lado para outro. Fixo trucos coa axuda do público. alumn@s e profes, e mesmo participou o xefe de estudos, a quen o mago lle gastou unha broma dicíndolle: "Penso que imos ao mesmo ximnasio".
O truco que máis me gustou foi cando lle pediu a xente do público que escollese uns números e logo estes apareceron nunha folla de periódico que queimou. Recordo ben os números: 743.
Pasámolo tod@s moi ben, o mago era simpático, alegre e o máis importante, bo mago.
É unha pena que a maxia non exista e que todo o que fixo fosen trucos.


Aarón López Fernández, 3º ESO B
















20/11/10

GRAVACIÓN BEN FALADO

Lembrades a gravación do programa BEN FALADO? Sodes uns artistas estupendos e o resultado foi moi bo. Vede o vídeo e comprobádeo.

16/11/10

INCRIBLE PERO CERTO

O EDLG do IES de Foz (supoñemos que coma a inmensa maioría dos centros educativos) quere manifestar o seu malestar polo que nos parece unha nova tomadura de pelo da Consellería de Educación.
Onte, 15 de novembro, data límite (para abraio de todos os EDLG) para a entrega de facturas correspondentes ao 1º cuadrimestre do curso actual, publícase no DOG unha orde que amplía o prazo para a xustificación de gastos!!!
Aquí temos de novo outra improvisación do Sr. Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e do seu brillante equipo que tan ben o asesora.
Cando todos os equipos nos volvemos loucos para xustificar os gastos na data inicialmente marcada e despois de que a Consellaría fixese oídos xordos á petición de cordura para establecer uns prazos viables, (lembremos que o prazo para a reclamación de Proxectos rematou o día 13), agora teñen esta brillante idea.
Será que agora recapacitaron e finalmente están preocupados polo proceso de NORMALIZACIÓN(xa sabemos que esta palabra non lles gusta nada) LINGÜÍSTICA? Ou o que intentan é acabar coa paciencia de toda a xente que traballamos arreo nos centros a prol da nosa lingua?
Que cadaquén saque as súas propias conclusións.

Concurso de tarxetas de Nadal

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística anímavos de novo a participar no concurso de tarxetas de Nadal.

Como xa sabedes, trátase de elaborar unha tarxeta de felicitación que transmita unha mensaxe relativa a sentimentos tales como o amor, a paz, a solidariedade, o respecto, a tolerancia… ou calquera outra idea que vós asociedes ao tempo de Nadal pero que non ten por que ser un dos motivos típicos destas festas.

O debuxo que propoñades pode estar realizado con distintas técnicas (asesorádevos cos- coas vosos-as profesores-as de Plástica ou de Informática), en color ou branco e negro, e irá acompañado dunha cita literaria en galego que podedes buscar vós mesmos-as, consultar cos membros do equipo (Manolo Sánchez, Fefi Xove, Ánxeles Peláez).

O formato das tarxetas será A-5.

O prazo de presentación dos traballos remata o venres, 10 de decembro. Encargaranse de recoller os traballos os-as profesores-as de Plástica.

Todos os traballos presentados serán expostos no centro e a postal gañadora será enviada como felicitación de Nadal a toda a

comunidade educativa.

Ademais haberá premios para os tres mellores traballos.


Animádevos e amosade a vosa creatividade!!!

14/11/10

PARABÉNS Á COORDINADORA GALEGA DE ENDL

A Coordinadora Galega de ENDL recibe o premio Altofalante 2010, concedido pola asociación cutural ribeirense ALTOFALANTE.

A Xunta directiva destacou como méritos á hora de conceder o premio, os seguintes:

* Ser quen de xuntar a unha parte moi importante das comunidades educativas de Galicia de cara a coordinarse e actuar conxuntamente no ámbito da normalización lingüística nos centros.

* Participar activamente -dando argumentos pedagóxicos e lingüísticos- da necesidade de que o noso idioma teña maior presenza no sistema educativo.

* A capacidade para integrar no seo da organización a profesionais do ensino público, privado e privado-concertado e de todos os niveis educativos.

* Organizar campañas de sensibilización e dinamización da nosa lingua como poden ser “Orgullosos no noso. Orgullosos do Galego” que foron un grande éxito de proxección pública.

SE CAMBIAS DE LINGUA, CAMBIAS DE VIDA

Aquí tedes un anaco dunha interesante entrevista a Sechu Sende, profesor e escritor.

12/11/10

WWW.REDELIBROS.COM, PRIMEIRA REDE SOCIAL GALEGA DE LIBROS


Para tod@s os que esteades interesad@s en valorar, compartir e recomendar lecturas, participar en concursos ... xa tedes o voso espazo na rede: www.redelibros.com
Se queredes saber máis sobre esta nova aquí tedes información.

NOTA DE PRENSA DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL


A resolución de axudas ao fomento do galego déixalles 7 días aos centros educativos para a súa xustificación A CGENDL denuncia que a tardía resolución das axudas ao fomento do galego correspondentes ao ano 2010 impón prazos de dificil cumprimento e imposibilitan a execución planificada dos proxectos de colexios e institutos, polo tanto dificultan o traballo normalizador nos centros escolares. A resolución publicada o día 3 de novembro obriga a xustificación de facturas por valor dun 25% das axudas con data anterior ao 15 de novembro (7 días lectivos) cando aínda o día 13 remata o prazo de reclamación. A redución dun 25% das axudas no exercicio do 2011, que se suma a un 20% no ano 2010, suporá a eliminación de numerosas actividades de formación do alumnado. A resolución da convocatoria anual das axudas para o fomento do galego no ensino non universitario deuse a coñecer o pasado mércores día 3 deixándolles aos colexios e institutos 7 días lectivos entre o día en que souberon a contía da que dispoñen e o día límite para xustificar parte dos seus proxectos de normalización e dinamización lingüística. A Coordinadora Galega de ENDL considera que o feito de que as bases da convocatoria contemplen que o 25% da contía concedida se deba xustificar antes do día 15 de novembro dificulta enormemente a xustificación orzamentaria das axudas pois a maioría dos centros escolares non desenvolveron as actividades proxectadas polo temor a non dispoñer dos recursos necesarios para que se levasen a cabo. Esta situación agrávase, segundo a CGENDL, se se ten en conta que o prazo para que os centros reclamen a resolución provisional da Secretaría Xeral de Política Lingüística remata tan só dous días antes do vencemento do prazo para a presentación de facturas. Dende a CGENDL laméntase que estes prazos irracionais, aos que hai que sumar a redución drástica de orzamentos (un 20% no 2010 e un 25% no 2011) poñan en perigo e dificulten o labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e, en consecuencia, a organización de actividades que melloran a competencia lingüística do alumnado e promoven a superación dos prexuízos existentes sobre a lingua galega.

11/11/10

XORNADA DA CIENCIA EN GALEGO


O xoves, 4 de novembro, celebramos no noso centro, coma en moitos outros de toda Galiza, a XORNADA DA CIENCIA EN GALEGO. O día chuvioso non lle permitiu ao alumnado de 1º ESO realizar a actividade de deseño de figuras xeométricas no patio, pero celebraron a xornada na súa aula.
@s alumn@s de 3º ESO coa axuda do profesorado elaboraron carteis con vocabulario e imaxes das materias científico-tecnolóxicas. Aquí vos deixamos unhas imaxes para que vexades como transcorreu a xornada.