3/2/12

EXPOSICIÓN NO CENIMA:SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR

Desde o 4 de febreiro ata o 3 de marzo no CENIMA:  PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR. ARTE-EDUCA.

Esta exposición é a culminación dun traballo ó que se lle vén dando forma desde novembro de 2011. Desde o Concello de Foz, en estreita colaboración co profesorado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela, plantexouse unha proposta didáctica de dinamización e de creación artística destinada a toda a comunidade educativa da Mariña, tomando o CENIMA como centro de operacións e como destino final do produto de todo este proceso creativo. A intención da actividade é achegar a arte á sociedade do xeito máis puro posible, desde a ollada dos máis novos.
É a Arte pola Arte, a Arte sen fronteiras e sen límites.
Toda esta experiencia xira arredor dos conceptos da luz e a cor, como elementos esenciais no tratamento da arte, tomando as vidreiras como o referente histórico que fusiona ambos os elementos. Cóntase coa inestimable colaboración de José Luis Neira Brochs, artesán vidreiro, veciño da comarca, cunha recoñecida traxectoria artística alén das nosas fronteiras, e que tamén participa como parte integrante da mostra.
o noso centro participa neste proxecto xunto con alumnado doutros seis centros educativos da Mariña: o CEIP Nº 1, o Colexio Nosa Sra. Do Pilar, e o Colexio Martínez Otero, do concello de Foz; o IES Monte Castelo, de Burela; o IES Alfoz-Valadouro; e o IES Vilar Ponte, de Viveiro. Todos deixan constancia da súa capacidade creativa tanto nenos de 3 anos como rapaces de bacharelato.

En breve amosarémosvos imaxes do resultado final do traballo do noso alumnado. Non vos despistedes e permanecede atentos ao blog nestes días.