29/3/12

AS NOSAS ÁRBORES


O pasado 14 de marzo o alumnado de 2º Eso participou no obradoiro AS NOSAS ÁRBORES.
@s alumnos tiveron a oportunidade de coñecer distintas especies (a través das follas, pólas e troncos) e froitos: carballos, buxos, acivros, landras, castiñeiros ..., as súas características principais, o seu habitat, os distintos nomes que reciben, as enfermidades que sofren... Ademais o obradoiro serviulles tamén para relacionar natureza e lingua xa que asociaron nomes de árbores coa toponimia e antroponimia galega. Un obradoiro moi interesante que resultou moi ameno e entretido. Parabéns a Marcelo polo seu traballo!

3/2/12

EXPOSICIÓN NO CENIMA:SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR

Desde o 4 de febreiro ata o 3 de marzo no CENIMA:  PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR. ARTE-EDUCA.

Esta exposición é a culminación dun traballo ó que se lle vén dando forma desde novembro de 2011. Desde o Concello de Foz, en estreita colaboración co profesorado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela, plantexouse unha proposta didáctica de dinamización e de creación artística destinada a toda a comunidade educativa da Mariña, tomando o CENIMA como centro de operacións e como destino final do produto de todo este proceso creativo. A intención da actividade é achegar a arte á sociedade do xeito máis puro posible, desde a ollada dos máis novos.
É a Arte pola Arte, a Arte sen fronteiras e sen límites.
Toda esta experiencia xira arredor dos conceptos da luz e a cor, como elementos esenciais no tratamento da arte, tomando as vidreiras como o referente histórico que fusiona ambos os elementos. Cóntase coa inestimable colaboración de José Luis Neira Brochs, artesán vidreiro, veciño da comarca, cunha recoñecida traxectoria artística alén das nosas fronteiras, e que tamén participa como parte integrante da mostra.
o noso centro participa neste proxecto xunto con alumnado doutros seis centros educativos da Mariña: o CEIP Nº 1, o Colexio Nosa Sra. Do Pilar, e o Colexio Martínez Otero, do concello de Foz; o IES Monte Castelo, de Burela; o IES Alfoz-Valadouro; e o IES Vilar Ponte, de Viveiro. Todos deixan constancia da súa capacidade creativa tanto nenos de 3 anos como rapaces de bacharelato.

En breve amosarémosvos imaxes do resultado final do traballo do noso alumnado. Non vos despistedes e permanecede atentos ao blog nestes días.



25/1/12

12 MESES, 12 LIBROS



Lembrámosvos (por se hai algún despistado) que na biblioteca tedes a recomendación do libro do mes de xaneiro: A CRIPTA DO APÓSTOLO de PERE TOBARUELA. Ademais tedes información doutros libros do escritor. Cada mes teredes unha nova recomendación que, como sabedes, completa a información do calendario deste ano.

23/1/12

CONCURSO COPLAS DO ENTROIDO



O Equipo de Dinamización Lingüística do IES de Foz convoca o 10º Concurso de Coplas de Entroido, dirixido a todos os alumnos e alumnas do centro.



A actividade consiste en compoñer coplas populares propias do Entroido ás que lles podedes dar ritmo de rap ou calquera outro ritmo que queirades.


A copla é unha estrofa de catro versos de arte menor, con rima asonante nos pares e carácter popular. Nas de Entroido aprovéitase para peneirar aos que xa “andan en coplas” ou aínda non, para facer mofa ou escarnio, por divertimento ou para provocar.

Mira ao teu redor, olla o que pasa no muMira ao teu redor, olla o que pasa no mundo e arma unhas coplas en galego!!!
Animádevos e participade cos vosos compañeiros de aula compoñendo unhas boas coplas cheas de imaxinación e bo humor!!!

PREMIO: Entre os gañadores repartiranse 60 € e as súas creacións aparecerán publicadas na revista do Centro, no blogue do ENDL no blogue da biblioteca. A entrega de premios realizarase o venres, 17 de febreiro durante a xornada de celebración do entroido.
Tod@s os que queirades poderedes interpretar as vosas composicións.

DATA DE ENTREGA: Os traballos poderanse entregar ata o xoves día16 de febreiro de 2012 na biblioteca ou a calquera dos profesores do Equipo de Normalización Lingüística.

Manolo Sánchez
Ánxeles Peláez
Fefi Xove

CURSO DE MICRORRELATOS: PAZ E AMOR






Bases



1. A temática do relato é a paz e o amor. Poderá estar escrito en galego ou en castelán. A extensión máxima é de 250 palabras.


2. Entrega antes do luns 6 de febreiro na biblioteca o teu relato asinado co teu nome e curso. Publicarémolo no panel do concurso. Tamén seleccionaremos algúns relatos para os blogs do instituto.


3. O día 13 de Febreiro o xurado composto por profesores do IES de Foz outorgará tres premios ( microrrelato máis divertido, máis orixinal e mellor escrito). Os gañadores recibirán un lote de libros, música ou cine.



Se queredes ver algún exemplo de microrrelatos, podedes pasar pola biblioteca. Alí tedes algúns expostos.



17/1/12

Desde este pequeno espazo na rede queremos manifestar que o EDL do IES de Foz suscribe totalmente todo o expresado no seguinte documento elaborado pola Coordinadora Galega de ENDL. Aquí vos deixamos o documento para que o poidades ler e reflexionar sobre o que di. Non estaría de máis que o novo Secretario Xeral de Política Lingüistica lle botase unha ollada para evitar levar a cabo unha xestión tan nefasta como a do seu predecesor no cargo.

VALORACIÓN DA XESTIÓN DO SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜISTICA

A CGENDL despide ao Secretario Xeral de Política Lingüística desaprobando a súa xestión e lamentando a herdanza que deixa, nomeadamente no ámbito do ensino, no que a lingua galega sufriu unha involución lexislativa sen precedentes
Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos, se lanzou un discurso negativo ao redor do idioma e se crearon novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ambito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL:

1/ A derrogación do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os seus estudos obrigatorios con plena competencia en ambas linguas oficiais.

2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular no ensino e imposibilita que a maioría das materias do ámbito científico-tecnolóxico se impartan en galego, contribuíndo a desandar o lento camiño que se trazara na dignificación da lingua.
Ademais de acentuar o desequilibrio entre as linguas oficiais, ao abeiro deste regulamento equiparouse o ensino das linguas estranxeiras ás linguas oficiais e creáronse os centros plurilingües, nos que calquera materia se pode impartir en inglés ensaiando a inmersión neste idioma, mais non se establecen os mecanismos para asegurar que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.

3/ A supresión, en contra da opinión do profesorado e das familias, das exitosas liñas de galego en Educación Infantil que posibilitaban un ensino na nosa lingua nos
primeiros anos de escolarización. Así mesmo, a enquisa programada para escoller a lingua nesta etapa, ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, elimina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semirubanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.

4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidades educativas especiais.

5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.

6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos.tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.

7/ O abandono dos Equipos por:

o desamparo ante os ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua,
a falta de coordinación real das actividades normalizadoras dos equipos,
a ausencia de medidas que faciliten o labor diario, como a regulación de horas de dedicación para os membros dos EDLG, a posta en marcha de programas formativos e de propostas para desenvolver nos centros, a transmisión de información e orientación correcta do traballo, etc., e
a falta de apoio económico que impide unha planificación seria do traballo: rematou o 1º trimestre do curso 2011-2012 sen que lles ingresaran aos centros as axudas resoltas en novembro de 2010 e neste momento aínda non se convocaron as deste ano, que contemplan un 33% de recorte (dende o ano 2009 a diminución das axudas foi dun 60%). Como consecuencia disto, reséntese fortemente a programación cultural dos centros educativos, desenvolvida en grande parte polos EDLG, que complementan con numerosas actividades a formación do alumnado.

A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.

21/12/11

CELEBRAMOS O NADAL NO NOSO CENTRO

Nestas imaxes podedes ver o resultado dos vosos traballos para decorar o noso centro. Moitas grazas pola vosa colaboración e Bo Nadal a tod@s.