20/12/10

CONCURSO DE SMS DE NADAL

A coordinadora galega de ENDL organiza un concurso de SMS con mensaxes de Nadal no que podedes participar tod@s. É moi sinxelo participar e vós mesm@s seredes @s encargados de escoller os traballos premiados. ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!!! DEIXADE VOAR A VOSA IMAXINACIÓN!!. Consultade toda a información.

GAÑADORAS DO CONCURSO DE TARXETAS DE NADAL

As gañadoras do concurso deste ano son:

PRIMEIRO PREMIO: Julia García Currás (3º ESO A)



PREMIO Á ORIXINALIDADE: Sabela Fernández Rodicio (3º ESO A)



PREMIO AO ESFORZO: Alba Basanta Lorido (1º ESO A)



Os premios entregaranse o mércores, 22 de decembro, ás 11.00 no salón de actos.

19/12/10

GAÑADORES-AS DO CONCURSO "NÓS E OS LIBROS"

Aquí tedes as fotografías d@s gañadores-as do concurso de fotografía. Os premios entregaranse no salón de actos do instituto o mércores, 22 de decembro, ás 11:oo. Noraboa aos gañadores-as.

1º-2º CICLO DE SECUNDARIA, CICLOS MEDIOS

PRIMEIRO PREMIO: Melly Díaz, 3º ESO A






SEGUNDO PREMIO: Jesús Amor, 3º ESO A








BACHARELATO, CICLOS SUPERIORES

PRIMEIROS PREMIO: Lucía Villarino, 1º BACHARELATO







2º PREMIO: Ana Alonso, 2º BACHARELATO






10/12/10

BEN FALADO DE NOVO

Aquí tedes unha nova gravación do programa da TVG BEN FALADO. Poderedes comprobar que ben quedades diante das cámaras. Un millón de grazas a tod@s pola vosa colaboración.

2/12/10

UN NOVO PASO ATRÁS NA NORMALIZACIÓN DO COMERCIO

ALCAMPO elimina a cartelería en galego dos seus establecementos. Formará parte isto do concepto que Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingúística, ten ao respecto da normalización? Lembremos que en reiteradas ocasións puxo de manifesto que o proceso de normalización do galego non só estaba relacionado co ensino senón que tamén había outros moitos ámbitos nos que traballar. Pois aquí temos unha mostra máis da política lingüística do goberno galego.

O BILINGÜISMO OU A IMPOSICIÓN DO ESPAÑOL

Recomendámosvos que vexades esta gravación que reflicte á perfección a imposición do castelán nos anos 70. Non deixedes de ler o artigo que aparece ao respecto do tema. Xa veredes canta razón ten.

ISTO SI QUE É COHERENCIA



Fernández Paz rexeita o Premio da Cultura Galega

O escritor, nun comunicado, declina aceptar o galardón e explica que os seus motivos están
no manifesto que Prolingua publicou o 8 de outubro

Aquí tes máis información.

25/11/10

O MAGO TETO NO IES de Foz




A visita do mago Teto reuniu os-as alumnos-as de 3º, 4º ESO e 1º BACH no salón de actos do instituto. Durante unha hora puidemos disfrutar da maxia deste artista, quen cos seus trucos, para nós inexplicables, nos fixo sentir o pracer de comprobar que hai algo máis que o que a simple vista se ve.
Con suspense, converteu un billete de 5€ nun de 10. Fixo desaparecer outro que apareceu nun pitillo ..., pero sen dúbida o que máis me impresionou foi ver como facía desaparecer un pano branco ou como, pouco a pouco, ía convertendo o pano branco nun pano azul. Bo espectáculo de maxia !!!


Diego Rega García, 3º ESO B



Pensei que o mago Teto ía ser un deses magos que fan trucos cutres, pero non foi así senón que foi un mago que fixo verdadeira maxia. Comezou a actuación sacando cartas sen parar e contando moitas cousas graciosas (nunca me rira tanto). detrás de min estaba sentada unha rapaza que non parou de rir durante a hora que durou a actuación. Oxalá que volva axiña polo centro!!!

Manuel Sanjurjo Rodríguez, 3º ESO B





Eu fun ver o espectáculo de maxia con poucas expectativas xa que pensei que se lle verían todos os trucos e que sería unha hora perdida, pero equivoqueime xa que o mago era bo e ademais moi divertido. Paseino moi ben, o espectáculo foi entretido e fixo algúns trucos inexplicables. O mago pediu a colaboración de xente do público, tanto de alumnos-as coma de profesore-as, pero algúns resultaron ser colaboradores un pouco sosos. A actividade gustoume moito e o mago soubo actuar moi ben.

Xián Paz Díaz, 3º ESO B











O mércores, 17 de novembro, asistimos ao espectáculo de maxia do mago Teto. Para min, foi unha experiencia divertida e entretida xa que o mago conseguiu impresionar a toda a sala cos seus trucos de maxia e as súas bromas. Tamén me gustou porque non era o típico mago con capa e chisteira, senón que foi moi cercano a nós como se fose un máis. Gustaríame outra representación dun mago coma o mago Teto!!


Julia García Currás, 3º ESO A





Despois de varios días de espera chegou o día no que nos facía unha agradable visita un mago, chamado o mago Teto. Foi incrible, facía trucos boísimos que nos deixaron abraiados, desde facer desaparecer obxectos ata facer que se transportasen dun lado para outro. Fixo trucos coa axuda do público. alumn@s e profes, e mesmo participou o xefe de estudos, a quen o mago lle gastou unha broma dicíndolle: "Penso que imos ao mesmo ximnasio".
O truco que máis me gustou foi cando lle pediu a xente do público que escollese uns números e logo estes apareceron nunha folla de periódico que queimou. Recordo ben os números: 743.
Pasámolo tod@s moi ben, o mago era simpático, alegre e o máis importante, bo mago.
É unha pena que a maxia non exista e que todo o que fixo fosen trucos.


Aarón López Fernández, 3º ESO B
















20/11/10

GRAVACIÓN BEN FALADO

Lembrades a gravación do programa BEN FALADO? Sodes uns artistas estupendos e o resultado foi moi bo. Vede o vídeo e comprobádeo.

16/11/10

INCRIBLE PERO CERTO

O EDLG do IES de Foz (supoñemos que coma a inmensa maioría dos centros educativos) quere manifestar o seu malestar polo que nos parece unha nova tomadura de pelo da Consellería de Educación.
Onte, 15 de novembro, data límite (para abraio de todos os EDLG) para a entrega de facturas correspondentes ao 1º cuadrimestre do curso actual, publícase no DOG unha orde que amplía o prazo para a xustificación de gastos!!!
Aquí temos de novo outra improvisación do Sr. Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e do seu brillante equipo que tan ben o asesora.
Cando todos os equipos nos volvemos loucos para xustificar os gastos na data inicialmente marcada e despois de que a Consellaría fixese oídos xordos á petición de cordura para establecer uns prazos viables, (lembremos que o prazo para a reclamación de Proxectos rematou o día 13), agora teñen esta brillante idea.
Será que agora recapacitaron e finalmente están preocupados polo proceso de NORMALIZACIÓN(xa sabemos que esta palabra non lles gusta nada) LINGÜÍSTICA? Ou o que intentan é acabar coa paciencia de toda a xente que traballamos arreo nos centros a prol da nosa lingua?
Que cadaquén saque as súas propias conclusións.

Concurso de tarxetas de Nadal

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística anímavos de novo a participar no concurso de tarxetas de Nadal.

Como xa sabedes, trátase de elaborar unha tarxeta de felicitación que transmita unha mensaxe relativa a sentimentos tales como o amor, a paz, a solidariedade, o respecto, a tolerancia… ou calquera outra idea que vós asociedes ao tempo de Nadal pero que non ten por que ser un dos motivos típicos destas festas.

O debuxo que propoñades pode estar realizado con distintas técnicas (asesorádevos cos- coas vosos-as profesores-as de Plástica ou de Informática), en color ou branco e negro, e irá acompañado dunha cita literaria en galego que podedes buscar vós mesmos-as, consultar cos membros do equipo (Manolo Sánchez, Fefi Xove, Ánxeles Peláez).

O formato das tarxetas será A-5.

O prazo de presentación dos traballos remata o venres, 10 de decembro. Encargaranse de recoller os traballos os-as profesores-as de Plástica.

Todos os traballos presentados serán expostos no centro e a postal gañadora será enviada como felicitación de Nadal a toda a

comunidade educativa.

Ademais haberá premios para os tres mellores traballos.


Animádevos e amosade a vosa creatividade!!!

14/11/10

PARABÉNS Á COORDINADORA GALEGA DE ENDL

A Coordinadora Galega de ENDL recibe o premio Altofalante 2010, concedido pola asociación cutural ribeirense ALTOFALANTE.

A Xunta directiva destacou como méritos á hora de conceder o premio, os seguintes:

* Ser quen de xuntar a unha parte moi importante das comunidades educativas de Galicia de cara a coordinarse e actuar conxuntamente no ámbito da normalización lingüística nos centros.

* Participar activamente -dando argumentos pedagóxicos e lingüísticos- da necesidade de que o noso idioma teña maior presenza no sistema educativo.

* A capacidade para integrar no seo da organización a profesionais do ensino público, privado e privado-concertado e de todos os niveis educativos.

* Organizar campañas de sensibilización e dinamización da nosa lingua como poden ser “Orgullosos no noso. Orgullosos do Galego” que foron un grande éxito de proxección pública.

SE CAMBIAS DE LINGUA, CAMBIAS DE VIDA

Aquí tedes un anaco dunha interesante entrevista a Sechu Sende, profesor e escritor.

12/11/10

WWW.REDELIBROS.COM, PRIMEIRA REDE SOCIAL GALEGA DE LIBROS


Para tod@s os que esteades interesad@s en valorar, compartir e recomendar lecturas, participar en concursos ... xa tedes o voso espazo na rede: www.redelibros.com
Se queredes saber máis sobre esta nova aquí tedes información.

NOTA DE PRENSA DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL


A resolución de axudas ao fomento do galego déixalles 7 días aos centros educativos para a súa xustificación A CGENDL denuncia que a tardía resolución das axudas ao fomento do galego correspondentes ao ano 2010 impón prazos de dificil cumprimento e imposibilitan a execución planificada dos proxectos de colexios e institutos, polo tanto dificultan o traballo normalizador nos centros escolares. A resolución publicada o día 3 de novembro obriga a xustificación de facturas por valor dun 25% das axudas con data anterior ao 15 de novembro (7 días lectivos) cando aínda o día 13 remata o prazo de reclamación. A redución dun 25% das axudas no exercicio do 2011, que se suma a un 20% no ano 2010, suporá a eliminación de numerosas actividades de formación do alumnado. A resolución da convocatoria anual das axudas para o fomento do galego no ensino non universitario deuse a coñecer o pasado mércores día 3 deixándolles aos colexios e institutos 7 días lectivos entre o día en que souberon a contía da que dispoñen e o día límite para xustificar parte dos seus proxectos de normalización e dinamización lingüística. A Coordinadora Galega de ENDL considera que o feito de que as bases da convocatoria contemplen que o 25% da contía concedida se deba xustificar antes do día 15 de novembro dificulta enormemente a xustificación orzamentaria das axudas pois a maioría dos centros escolares non desenvolveron as actividades proxectadas polo temor a non dispoñer dos recursos necesarios para que se levasen a cabo. Esta situación agrávase, segundo a CGENDL, se se ten en conta que o prazo para que os centros reclamen a resolución provisional da Secretaría Xeral de Política Lingüística remata tan só dous días antes do vencemento do prazo para a presentación de facturas. Dende a CGENDL laméntase que estes prazos irracionais, aos que hai que sumar a redución drástica de orzamentos (un 20% no 2010 e un 25% no 2011) poñan en perigo e dificulten o labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e, en consecuencia, a organización de actividades que melloran a competencia lingüística do alumnado e promoven a superación dos prexuízos existentes sobre a lingua galega.

11/11/10

XORNADA DA CIENCIA EN GALEGO


O xoves, 4 de novembro, celebramos no noso centro, coma en moitos outros de toda Galiza, a XORNADA DA CIENCIA EN GALEGO. O día chuvioso non lle permitiu ao alumnado de 1º ESO realizar a actividade de deseño de figuras xeométricas no patio, pero celebraron a xornada na súa aula.
@s alumn@s de 3º ESO coa axuda do profesorado elaboraron carteis con vocabulario e imaxes das materias científico-tecnolóxicas. Aquí vos deixamos unhas imaxes para que vexades como transcorreu a xornada.












22/10/10

NÓS E OS LIBROS


Con motivo da celebración do ano do Libro e a Lectura, o EDLG do IES de Foz convoca o concurso de fotografía Nós e os libros.

BASES

1- Poderán participar tod@s @s alumn@s do centro.

2- O tema das fotografías xirará arredor do libro e a lectura.

3- As fotografías, en branco e negro ou en cor, enviaranse a: xameentendes@gmail.com, facendo constar o nome e apelidos d@ alumn@, o curso e grupo ao que pertence.

4-Cada alumn@ poderá participar cun máximo de tres fotografías.

5- Haberá dúas categorías:
- ESO e Ciclos Medios
- Bacharelato e Ciclos Superiores

6- Prazo de entrega do 25 de outubro ao 12 de novembro.

7- O xurado estará formado por profesorado dos Departamentos de Debuxo e do EDLG. O fallo publicarase no blog www.xameentendes.blogspot.com a partir do 17 de novembro. As fotografías publicaranse no blog do equipo e da biblioteca e con elas realizarase unha exposición no centro.

8- Establécense os seguintes premios para cada unha das categorías:
- Primeiro premio: 30€ (vales de compra)
- Segundo premio: 20€ (vales de compra)

9- Entrega de premios: os premios aso gañadores entregaranse nun acto público en día e hora que previamente se anunciará.

27/7/10

O FOCEGO

Se queredes botar unha ollada á nosa revista non tedes máisd que premer aquí.

6/7/10

LIBROMATÓN

Presentámosvos os nosos futuros críticos literarios. A ver que vos parecen. E por certo!! esperamos que o vindeiro curso se anime tamén algún profesor a participasr na actividade. Para velo premede aquí

27/6/10

LETRA GALEGAS 2011

O poeta monfortino Lois Pereiro, figura homenaxeada nas Letras Galegas de 2011. A noticia en La Voz de Galicia.

XORNADA DE TEATRO



Os actores e actrices de 1º Bacharelato ofrecéronnos unha magnífica interpretación da obra teatral MILES GLORIOSUS de Plauto. Aínda que os nervios estiveron presentes e provocaron algunha que outra interrupción así como tamén algún ataque repentino de risa, o elenco de actores defendeu perfectamente os seus papeis. O público riuse moito e recoñeceu o esforzo dos actores e actrices. Noraboa polo voso traballo!!!

XOGOS NA PAMPILLOSA




Chegou o día e o tempo non nos defraudou. Despois de estar a piques de anular a actividade por mor das chuvias continuas que non nos abandonaban, decidimos arriscarnos e preparar a xornada de xogos populares. O día foi perfecto, un pouco anubrado pero cunha temperatura perfecta e o xantar inmellorable. Parabéns para os cociñeiros que cada ano se superan. Deixámosvos unhas imaxes da xornada.

24/6/10

NAVEGAMOS EN GALEGO

Para tod@s @s pais e nais interesad@s en estar ao día no mundo da internet en galego, ofrecémosvos a posibilidade de curiosear neste pequenos traballo realizado grazas ás aportaciónsd de profesorado e alumnado do noso centro. Entrade e sorprenderédesvos coas posibilidades que nos ofrece a rede na nosa lingua.

COCIÑA CON NÓS

Presentámosvos o noso pequeno libro de cociña que pensamos seguir enchendo de saborosas receitas. Se queredes ir experimentando con algunha premede aquí

19/5/10

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS COS FOCEGOS

Despois de convocar un concurso de caricaturas de Uxío Novoneyra, e resultando gañadora a presentada por Alberto López Freire de 2º ESO B, elaborouse no centro un marcapáxinas que foi repartido por un grupo de alumnas de 2ºESO nas librarías de Foz para que agasallasen aos focegos no día das Letras Galegas.
Moitas felicidades a Alberto!!! e aquí tedes o resultado do traballo:


18/5/10

MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO

Unha vez máis as rúas de Compostela se encheron de miles de galeg@s dispostos a celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e defender a súa lingua ante os continuos ataques do goberno de Feijoo. Aproveitamos as palabra pronunciadas por Uxío Novoneyra no pregón da feira do libro de Compostela (1987) para enviar unha mensaxe ao presidente da Xunta: "Todos somos galegos e todos temos responsabilidades como tales galegos, e estas responsabilidades van máis aló das ideoloxías, das premisas do propio partido. Responden a algo máis profundo. E non valen medias tintas. Hai que estar, si ou non con Galicia. E non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sinte a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial".



14/5/10

ENTREVISTA A UXÍO NOVONEYRA

Esta interesantísima entrevista inédita a Uxío Novoneyra que nos facilita ó IES de Foz o profesor Ramón Reimude foi realizada no ano 1985 no Instituto feminino de Lugo por un grupo de alumnas.










12/5/10

CORRELINGUA 2010 NA MARIÑA

Aquí tedes unha pequena mostra do bo número de alumn@s de centros educativos da mariña lucense participantes no CORRELINGUA deste ano. A carreira da lingua na súa décima edición comezou o día 3 de maio en Compostela e rematará en Verín o día 14. Arredor de 45. 000 moz@s reivindicarán dunha maneira lúdica a normalización do seu idioma baixo o lema: O GALEGO, A FORZA DO NOSO AMOR.



NOVO REXEITAMENTO AO DECRETO DO PLURILINGÜISMO

O informe do Consello Consultivo sobre o Decreto do Plurilingüismo probablemente non vai ser do gusto do noso conselleiro de educación nin, por suposto, do secretario xeral de política lingüística. Este informe sumarase ao do Consello da Cultura Galega, ao da RAG e ao do Consello Escolar de Galicia. Evidentemente, como se trata dun órgano meramente consultivo, A Xunta de Galicia, continuando na súa liña, fará oídos xordos e non terá en conta este novo informe. Está claro que as promesas electorais a determinados sectores pesan moito. Non si?. A noticia en O Xornal.

3/5/10

ACHEGÁMONOS AO TEATRO


FRAN PAREDES, actor da compañía TEATRO DE NINGURES estivo con nós no instituto para presentarnos a obra ATRA BILE de Laila Ripol. Esa mesma tarde @s compoñentes do grupo teatral poñían en escena a obra na sala Bahía de Foz. Despois de falarnos un pouquiño sobre o argumento da obra e os seus personaxes, tivemos a oportunidade de facerlle preguntas sobre o seu traballo de actor e outras curiosidades relacionadas coa actividade teatral. Dámoslle as grazas pola súa visita e por responder de tan bo grado as nosas cuestións.

2/5/10

ANTONIO REIGOSA NO IES DE FOZ




O escritor ANTONIO REIGOSA estivo con nós hai unhas semanas e contounos moitas cousas interesantes (que a maioría de nós descoñeciamos) sobre lendas e personaxes míticos (trasnos, meigas, vellas, mouros-as, tía Xoana ...). A presentación da actividade foi entretida e a comunicación moi boa xa que nós tamén puidemos participar e falar sobre lendas que coñeciamos. Gustaríame volver a participar nesta actividade.

MARÍA DEL MAR GARCÍA GARCÍA, 2º ESO

A COVA DA PRAIA DA RAPADOIRA


O venres 23 de abril visitou o noso insti ANTONIO REIGOSA e na biblioteca presentounos axudado de imaxes lendas e mitos da mariña lucense e falounos tamén de personaxes míticos de longa tradición en Galicia.
A min gustoume a lenda da pena da salsa de Fazouro xa que coñezo o lugar e non sabía que existisen lendas localizadas nel. Pero a lenda que fixo que me interesase aínda máis a actividade foi a da cova da praia da Rapadoira p orque no verán entrei moitas veces nela cos meus amigos para explorala. Gustaríame coñecer máis datos sobre os misterios que garda a cova. Sería pois boa idea que Antonio Reigosa volvese ao noso centro o próximo cursopara contarnos máis lendas.

RICHARD GONZÁLEZ VEIGA, 2º ESO

UNHA ACTIVIDADE ENTRETIDA



A actividade en que participamos @s alumn@s de 2º ESO e que trataba sobre mitos e lendas da mariña gustoume e ademais permitiu que soubese da existencia do dicionario dos seres mitolóxicos, escrito por ANTONIO REIGOSA. Algunhas das lendas que nos contou están localizadas en lugares que coñecemos e a maneira que tivo de explicalas, axudado co imaxes foi moi entretido xa que nos axudou a imaxinar como sería a lenda.
Falounos tamén de personaxes míticos como os trasnos, dos cales hai moi diferentes tipos.
a actividade pareceume interesante xa que é unha maneira doada de coñecer lendas que nosos pais xa coñecen.

MELLY DÍAZ ANDRADE, 2º ESO

A CASA DA ESPIÑEIRA


O venres, 16 de abrilo, estivo con nós ANTONIO REIGOSA, escritor e recompilador de lendas. Contounos moitas lendas da mariña lucense e unha delas foi a da CASA DA ESPIÑEIRA, xa coñecida por min. El contounos que o home da casa se fora loitar á guerra e deixara a súa familia soa. Pasaron os anos e un día chegou a mala nova de que o home falecera. A familia estaba moi triste. Pasou o tempo e unha noite a filla máis nova foi pechar as contras e viu unha man pasando pola beira do camiño. Así continuou durante varias noites. Un día, a filla moi asustada percibiu a estraña man coma sempre, pero esa noite notou que se acercaba á ventá. Viu horrorizada como ía aparecendo a figura do pai, que antes de descansar para sempre en paz, necesitaba ver a súa familia por última vez para pedirlles que foran a San Andrés de Teixido, xa que el non o puidera facer en vida. A familia cumpriu o que o pai lles pedira e nunca máis volveu aparecer.
Eu coñecía esta lenda contada por miña avoa, pero en vez dunha man o que aparecía eran luces que representaban a alma do defunto.

JULIA GARCÍA CURRÁS, 2º ESO

A LENDA DA VILA DA MIÑA NAI


Hai unhas semanas participamos nunha actividade organizada polo ENDL e a BIBLIOTECA do noso IES. O tema trataba sobre LENDAS E MITOS DA MARIÑA e o poñente foi o escritor ANTONIO REIGOSA.
Comezou contándonos os lugares que percorreu para recoller as lendas e tamén os sitios onde se localizaban. Un dos lugares do que nos falou foi As penas da salsa (Fazouro) e tamén nos explicou os distintos personaxes mitolóxicos que había na Mariña e o que facían: mouras, trasnos, o home do saco, sereas ..., pero aínda que el non o nomeou, meus pais cando eu era pequeniña, falábanme do SACAUNTOS.
Ademais explicounos a diferenza entre as lendas tradicionais e as urbanas e tamén nos dixo que para que as lendas pervivan no tempo teñen que actualizarse.
Como só nos falou de lendas localizadas na Mariña, a min gustaríame contarlle esta lenda da vila da miña nai: hai moitos anos nunha vila que estaba baixo o mandato do Conde de Lemos, un día uns aldeáns viron unha persoa cunha pelica mallando os habitantes do lugar. Todos pensaron que era un recadador de impostos pero a nobreza dixo que non estaba ao seu cargo. Nunca se soubo quen ou que era, pero aínda hoxe nas festas patronais aparece esa figura e malla na xente.

SABELA FERNÁNDEZ RODICIO, 2º ESO

UN HOME NA ESTRADA


ANTONIO REIGOSA visitou o noso centro o día 23 de abril e falounos sobre un tema moi interesante: lendas e mitos da mariña.
As lendas son contos ou historias tradicionais que van pasando de xeración en xeración. Por iso, moitas persoas coñecen a mesma historia pero con algúns feitos distintos. E esas lendas tradicionais poden dar lugar ao que hoxe coñecemos como lendas urbanas.
A que maís me gustou foi a seguinte: trataba sobre un home que aparecía no medio da noite nunha estrada. Este paraba a toda a xente que atopaba e dáballes dúas opcións para escoller: unha gravata ou unha boca de pallaso. Aos que escolían a primeira opción, cortáballes a gorxa e logo sacáballes a lingua. Pero se pola contra escollían a segunda, facíalles un corte en cada un dos extremos dos beizos e así quedaban para o resto dos seus días.

NOELIA PILLADO FRAGA, 2º ESO

PARA CONTAR UNHA LENDA HAI QUE CRER NELA


A verdade é que a charla de Antonio Reigosa foi moi interesante. Algunhas das lendas das que nos falou xa as coñecía porque están localizadas moi preto de onde eu vivo, e outras, como a da Espiñeira, que era a primeira vez que escoitaba, chamaron a miña atención. A verdade é que a min sempre me gustaron as lendas, sobre todo as de lugares que coñezo porque deixo voar a miña imaxinación e localízoas na miña mente.
Creo que ANTONIO REIGOSA dalgunha maneira nos quixo transmitir que quen cre nunha lenda é quen de contala e se non a cre, non a conta.
Gustaríame felicitar ao escritor polo seu libro MEMORIAS DUN RAPOSO co que me rin moito léndoo.

ALBA DÍAZ FERNÁNDEZ, 2º ESO

LENDAS DA MARIÑA


Xa hai uns días que estivo no noso centro ANTONIO REIGOSA para nos contar unha morea de lendas da Mariña de Lugo. Eu, moitas delas non as coñecía; nin sequera oíra falar delas. Pero si que coñecía unha que acontece nunha curva da antiga estrada de Mondoñedo e outra que trata sobre un coche que circula pola noite sen as luces acesas.
A súa visita gustoume moito xa que nos transmitiu lendas localizadas e recollidas en lugares moi preto da nosa vila e que moitos de nós descoñeciamos. Espero que volva outro día e nos poida seguir contando moitas máis.

SOFÍA DÍAZ BASANTA, 2º ESO

TRABALLOS CONCURSO DE LOGOS

Como vos prometemos amosámosvos os traballos presentados ao CONCURSO DE LOGOS do ENDL. Agardamos as vosas opinións para axudarnos a decidir cal é o traballo gañador.