17/3/10

MOI INTERESANTE!!!

Recomendámosvos ler o artigo "Aterse ás consecuencias" de María Reimóndez publicado hoxe en O Xornal.

12/3/10

ENTROIDO 2010

Por segundo ano consecutivo celebramos a festa do entroido no noso insti. Aquí vos deixamos unha selección de fotos para que poidades lembrar o ben que o pasamos ese día.



LUÍSA CASTRO DE NOVO GALARDOADA


A escritora focega Luísa Castro recollerá hoxe o premio Pura Cora de Xornalismo. A noticia en El Progreso.

9/3/10

DESVÁN DE LOS MONJES E TORO, NOVOS TOPÓNIMOS

Que mágoa!!! O Conselleiro de Cultura non coñece a toponimia galega. Vai promocionar Galicia na feira FITUR e non se lle ocorre mellor idea que traducir os topónimos Touro e Sobrado dos Monxes como "Toro" e "Desván de los monjes". Pero o peor de todo é que despois de facelo, negouno con rotundidade. Escoitádeo neste vídeo da presentación e veredes que ocorreu realmente.

6/3/10

A ESMORGA SEN CENSURA




A obra de Blanco Amor, na versión orixinal escrita polo autor en 1955, será publicada pola editorial Galaxia antes de que remate o ano. A noticia en Vieiros.

JOAN BAEZ HOMENAXEA A ROSALÍA DE CASTRO


Joan Baez, a madriña do folk, namorou o publico vigués no seu concerto de onte, cando cantou, en perfecto galego o Adiós Ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro, a coro cun Teatro Caixanova de Vigo cheo a rebentar.Este concerto, unico en Galicia, inclúese dentro do ciclo XACOBEO IMPORTA.
Esta noite bota tamén a andar o ciclo GALICIA RAÍCES coa actuación do grupo Fuxan os Ventos e continuará os próximos tres meses con concertos como os que ofrecerán Cristina Pato e Muntenrhoi o 10 de abril en Ferrol, o da fadista María do Ceo e o grupo Brath en Vilalba ou o do 24 de abril en Lugo de Susana Seivane e Quenpallou. En maio, Uxía e Leilía actuarán en Rianxo o 22 e Rosa Cedrón, o 28 en Valga. Por último, Luar na Lubre tocará o 6 de xuño cun concerto en Santiago.

4/3/10

ROSA ANEIROS NO IES DE FOZ

A escritora Rosa Aneiros visitou o noso centro o pasado 5 de febreiro. O alumnado de 3º Eso conversou con ela e tivo a posibilidade de facerlle preguntas sobre o seu labor de escritora así como tamén comentar algúns aspectos relacionados coa súa obra Ás de bolboreta.Ao remate da actividade, dúa alumnas de 2º Eso entrevistaron á autora que amablemente respondeu a todas as súas preguntas. Deixámosvos unhas fotos da súa visita e proximamente colgaremos unha pequena reportaxe videográfica.


CONCURSO DE SMS

Aínda que como ben sabedes o día dos namorados xa se celebrou, cremos que sempre é un bo momento para animarse a escribir unha nota agarimosa, unha mensaxe chea de amor ou simplemente dedicar a algúen un piropo. Convidámosvos pois a participar no concurso SMS CON AMOR. Aquí tedes as bases.


SMS CON AMOR


O ENDL e a biblioteca convocan o 1º concurso de sms en galego. O tema seleccionado é O AMOR en todas as súas vertentes. Poderedes facer una declaración de amor, unha mensaxe agarimosa para un amigo-a, expresar sentimentos ou pensamentos amorosos …
BASES
1- Poderán participar tod@s @s alumn@s do IES.
2- Cada alumn@ poderá presentar ata tres sms.
3- O texto non excederá de 100 caracteres excluídos os espazos.
4- Poderase empregar a “linguaxe” característica dos sms.
5- Os traballos serán enviados á seguinte conta de correo: actividadesfoz@gmail.com
6- Xunto co texto incluirase o nome e apelidos d@ participante e o curso/grupo ao que pertence.
7- O prazo de presentación dos traballos rematará o 25 de marzo (xoves)
8- O xurado estará composto por profesorado das materias de linguas.
9- Haberá dous premios:
- Sms máis orixinal
- Sms máis divertido

10- @s alumn@s agasallados recibirán como premio unha memoria USB