21/12/11
CELEBRAMOS O NADAL NO NOSO CENTRO

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

16/12/11
A QUEN VALE O VALEDOR?
Aquí tedes un interesante artigo de Suso de Toro sobre o tema.

15/12/11
DAQUELAS QUE CANTAN

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a Axenda Feminista 2012 “Daquelas que cantan”, adicada este ano ás músicas galegas.Trátase dunha homenaxe ás intérpretes, vocalistas, compositoras, artistas e cantautoras que hoxe en día conforman unha rica polifonía de estilos e propostas variadas en Galiza.
Para visibilizar o seu traballo, cada mes da axenda está encabezado por unha das nosas moitas músicas, cunha foto delas e cun texto que elas mesmas concebiron e redactaron expresamente para esta axenda. Uxía, Guadi Galego, Silvia Penide, María Xosé Silvar, Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Leilía, Carmen, Maruxa e Tareixa de Fuxan os Ventos, Sonia Lebedynski e as Batuko Tabanka conforman a axenda do Observatorio para o 2012.
Posteriormente a axenda poderase adquirir na citada libraría ou poñéndose en contacto co observatorio a través do mail observatorioigualdade@gmail.com. Tamén haberá unha presentación oficial na Mariña e se facilitará un listado das librarías da Mariña nas que se poida adquirir a axenda.
Non quedes sen ela! Fai xa a túa reserva!

XORNADAS GASTRONÓMICAS: A COCIÑA DE CUNQUEIRO
O alumnado de Hostalería do noso centro elaborou un estupendo menú: polbo á feira, arroz con berberechos, orella frita, lacón con grelos..., e como non: torta de Mondoñedo.
Para relacionar cociña e literatura ocorréusenos a idea de facer uns servilleteiros con citas de obras do escritor alusivas á cociña así como tamén identificar cada mesa cunha obra do autor, cuxa portada do libro figuraba na carta. Amosámosvos estas fotos para que vexades cal foi o resultado.




13/12/11
GAÑADOR@S DO CONCURSO DE TARXETAS DE NADAL

PREMIO Á ORIXINALIDADE: Bruno Martínez. 1º ESO B


2/12/11
MONDOÑEDO PREPARA A CELEBRACIÓN DO CENTENARIO DO NACEMENTO DE CUNQUEIRO

A asociación cultural 'Abrindo Camiño', coa colaboración do Concello de Mondoñedo, a Diputación de Lugo, a Editorial Galaxia e a familia do propio escritor, prepara unha representación teatral da obra "A Noite de Merlín", na que participarán máis de duascentas persoas, para celebrar o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro.Como director de coreografía de "A noite de Merlín" exerce Isidoro Rodríguez Pérez, mentres que Elías Noel é o guionista e Xan Carballal, director da Escola de Música de Mondoñedo, compuxo a música que se interpretará en directo durante as máis de tres horas que durará a representación. Durante a representación da obra proxectarase unha produción audiovisual que recolle escenas das anteriores representacións esta obra.
A homenaxe que terá lugar o venres, 17 de decembro completarase cunha mesa redonda sobre a "poesía, o teatro e a fábula" na obra de Cunqueiro.

CATALUÑA ACHÉGASE A CUNQUEIRO

A Universitat de Barcelona e o seu Centro de Estudos Galegos organizaron onte unha xornada sobre o autor mindoniense. A través de dúas mesas redondas analizaron a estreita relación que Cunqueiro mantivo con Cataluña grazas á súa amizade coa intelectualidade da comunidade e á súa colaboración con algunhas publicacións.
A homenaxe complétase cunha exposición bibliográfica que permanecerá aberta ata o día 15 na Biblioteca de Lletres da Universitat de Barcelona.
Os actos adicados a Álvaro Cunqueiro súmanse ao seminario sobre Rosalía de Castro organizado polo centro de estudos galegos da capital catalá baixo o título "Unha musa fecunda"

1/12/11
CUNQUEIRO DE CUMPREANOS
Este acto, que foi acompañado dunha presentación en Power Point que amosaba un percorrido pola vida do autor, serviu tamén para inaugurar o curso de actividades da biblioteca e do ENL.
@s destinatarios da actividade foron @s alumn@s de 1º ESO, para que visen o funcionamento e o tipo de actividades que se realizan na biblioteca.

28/11/11
HABERÁ PRIMAVERA, NOVO LIBRO SOBRE CUNQUEIRO

A editorial Galaxia acaba de publicar un libro-disco Haberá Primavera con catorce poemas de Cunqueiro cantados por César Morán. Un segundo disco inclúe a derradeira entrevista concedida en vida por Álvaro Cunqueiro ao autor deste volume.
18/11/11
SERMOS GALICIA
Un grupo promotor de catorce persoas de distintos ámbitos sociais anuncia a intención de botar a andar un diario dixital e un semanario en papel, un proxecto que consideran “urxente e necesario” nun momento de abafamento dos medios en galego. O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.
Dende este pequeno espazo da rede queremos amosar o noso apoio a esta brillante e tan necesaria iniciativa nestes tempos tan nefastos para os medios de comunicación na nosa lingua.
Este foi o acto de presentación en Foz:

17/11/11
DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

10 DE DECEMBRO
DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS
Con motivo deste día queremos, entre todos, facer unha reflexión a través dun traballo artístico e colaborativo. Propoñémosvos elaborar un cartel no que, a través dunha imaxe, un collage, un debuxo, … expresedes o que vos suxire o artigo que colocamos na vosa aula.
NORMAS
1. Haberá un único cartel por aula, ( polo tanto, debedes falar sobre o artigo que vos tocou e poñervos de acordo en qué aspecto queredes resaltar e cómo o ides facer)
2. No cartel debe aparecer o texto do artígo da declaración que vos tocou expresar.
3. Haberá cómo mínimo unha imaxe. (Pode ser unha foto, un debuxo, un collage, unha viñeta, … Sede creativos!)
4. Aparecerá un texto no que se explique o que quixestes expresar con esa imaxe.
PRAZO: Entregaranse os traballos na biblioteca escolar antes de día 2 de decembro.
MATERIAL:Haberá unha única cartulina (do formato axeitado)por aula na conserxería para realizar os carteis.
Todos os traballos serán expostos posteriormente nun lugar visible do centro.

14/11/11

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística anímavos de novo a participar no concurso de tarxetas de Nadal.
Como xa sabedes, trátase de elaborar unha tarxeta de felicitación que transmita unha mensaxe relativa a sentimentos tales como o amor, a paz, a solidariedade, o respecto, a tolerancia… ou calquera outra idea que vós asociedes ao tempo de Nadal pero que non ten por que ser un dos motivos típicos destas festas.
O debuxo que propoñades pode estar realizado con distintas técnicas (asesorádevos cos- coas vosos-as profesores-as de Plástica ou de Informática), en color ou branco e negro, e irá acompañado dunha cita literaria en galego que podedes buscar vós mesmos-as, consultar cos membros do equipo (Manolo Sánchez, Fefi Xove, Ánxeles Peláez) ou un refrán relativo ao tempo do inverno.
O formato das tarxetas será A-5.
O prazo de presentación dos traballos remata o venres, 9 de decembro. Encargaranse de recoller os traballos os-as profesores-as de Plástica.
Todos os traballos presentados serán expostos no centro e a postal gañadora será enviada como felicitación de Nadal a toda a
comunidade educativa.
Ademais haberá premios para os tres mellores traballos.

FUTURO INCERTO DOS EDL
Se o que pretende a Consellaría de Educación é desanimarnos e desmotivarnos, non o vai conseguir. Dende este pequeno espazo na rede animamos a tod@s @s compañeir@s a continuar co seu labor.
Temos unha lingua de noso e nunca nola poderán arrebatar.

1/6/11
LINGUAXE NON SEXISTA NAS AULAS

25/5/11
CORRELINGUA 2011
O manifesto foi lido po alumnado do IES Porta da Auga de Ribadeo, que foi o que gañou o concurso do manifesto na edición anterior.

1/5/11
INTERESANTES PRESENTACIÓNS

29/4/11
PARABÉNS A BERROGÜETTO

28/4/11
MÁIS VALE TARDE QUE NUNCA!!!
A noticia en Xornal de Galicia.

3/3/11
GAÑADORES-AS CONCURSO DE COPLAS
A entrega de premios será mañá no salón de actos. NON FALTEDES!!!
TÍTULO: SANTIAGO-BARCELONA
AUTORAS: Alba Díaz, Ana Gay (3º ESO A)
Alumnos e profesores
hoxe ímoslles contar
a historia de Maruxa
que quedou sen fogar.
Ela tiña unha tenda
a crise fíxolla pechar
e ao quedar sen ganancias
o piso non ha pagar.
Ela éche de Barcelona
non ten onde se quedar
e despois de durmir fóra
ao aeroporto foi parar.
Rematou pedindo esmola
un voo conseguiu mercar
con destino a Galicia
pra o apostol visitar.
Ao chegar a Santiago
foi directa á catedral
rezou catro pais nosos
e un credo sen final.
Para volver á súa terra
ela fixo o camiño
Santiago-Barcelona
ao revés que os peregrinos.
Un día atopou traballo
na oficina de emprego
case que se volve tola
e gañou moito diñeiro.
Mira que sorte a de Maruxa
sorte que lle deu o apostol
que nestes tempos de crise
é difícil ter un posto.
TÍTULO: AS MULLERES VÓLVENNOS TOLOS
AUTORES: JESÚS AMOR, RICHARD GONZÁLEZ (3º ESO A)
Elas van a Portugal
que ben imos nós estar
non o imos pasar mal
e xa non nos tolearán.
Ai que contentos estamos
non as temos que escoitar ...
sempre están "dálle que dálle"
e non paran de falar!!!
Hoxe imos facer festa
elas vanse por tres días
imos traer unha orquestra
e tamén unhas "tías".
Alfonso está moi triste
váiselle a súa amada
voulle contar un chiste
por se lle mellora a cara.
A ver se cando elas volvan
tranquilizan o carácter
para poder falar con elas
como persoas normais.
Hoxe en día as mulleres
están revolucionadas
todas queren o poder
e a nós non nos dan nada.
Ai mulleres, mulleriñas!!!
que sería de nós sen vós
non teriamos fillas e fillos
e estariamos moi sós.
TÍTULO: AI, AI, AI, AI
AUTORES: ALUMN@S DE ATENCIÓN EDUCATIVA (1º ESO A)
O exame de Amparo
foiche ben complicado
imos cantar unhas coplas
por se o damos amañado.
o Ayoub e mais o Hamza
xa che son xente de aquí
falan castelán, galego
e tamén o marroquí.
Ai Jorge, ai Jorge Cuesta
un rapaz espabilado
se non estudia a ESO
remata de xubilado.
Ai María, ai María,
non te polñas colorada
moito miras para ese neno
debes estar namorada!!
Ai Marquiños, Ai Marquiños,
sempre esta´s na play xogando
inventando fantasías
e mais nas mozas pensando.
Ai FLorencia, ai Florencia,
rapaza moi dilixente
busca un mozo ben bo
e que sexa ben decente.
Ai Asier, ai Asier,
que xogas de medio centro
moito chutas, moito chutas
e non metes unha dentro.
Ai Flavia, ai Flavia
sempre coa risa na cara,
bule-bule a todas horas
e na clase ela non para.
Ai Antía, ai Antía
moito te quedas na casa
pouco ao instituto vés
xa nos dirás que che pasa.
Ai Alex, ai Alexandro
deixa xa de debuxar
mira que senón Begoña
o corpo che vai canear.
Ai Suso, ai Suso
hai que barbearse máis veces
non sexas tan preguiceiro
hancho agradecer con creces.
Ai Ánxeles, ai Ánxeles
por que non me dás na ESO?
vente para a miña clase
gústame o teu pelo crecho.
Só nos queda unha rapaza
que se chama Adriana
ten unha fal moi doce
éche unha dominicana.

25/2/11
SEMANA DAS CURTAS
Cordinadora Galega de ENDL (CGENDL), presenta a actividade “A Semana das Curtas”, un proxecto de fomento do uso da lingua galega para o curso 2010-2011 dirixido aos centros escolares, en especial aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e ao alumnado de ensino secundario.
O noso centro é un dos moitos que participará nesta actividade e a próxima semana poderedes ver un ciclo de curtametraxes e vídeoclips en galego. Así mesmo teredes un espazo web e un blogue para que poidades opinar sobre as distintas pezas. Deste xeito, poderedes establecer contacto con outros-as mozos e mozas, opinar sobre as filmacións que máis vos gustaron, contrastar opinións con outras persoas e votar pola curta e sesión que máis vos gustou (procurarase realizar unha votación virtual para establecer honorificamente o “premio do público”).
As temáticas e xéneros das sesións serán:
- O cinema fantástico
- O thriller
- A comedia
- O cinema bélico
Esperamos que a actividade sexa do voso agrado e que as curtas vos gusten.

20/2/11
BEN FALADO

18/2/11
CELEBRACIÓN DO DÍA DOS NAMORADOS
Aquí vos deixamos algunhas instantáneas do acto.

17/2/11
QUE MÁGOA!!!

20/1/11
SENADORAS DO PP "ORGULLOSAS DE SU LENGUA: EL ESPAÑOL"
Dúas senadoras do PP negáronse a utilizar o galego nas súas intervencións, iso si, afirmando que "desde luego amamos a Galicia y a nuestra lengua gallega de la que nos sentimos muy orgullosas, pero vamos a utilizar el castellano". Non vos parece que a nosa lingua non necesita amantes deste tipo? Entenden estas dúas senadoras cal é o significado de sentirse orgullosas?Porque os que realmente amamos a nosa lingua e nos sentimos orgullosos dela levámola a todas partes.
Aquí tedes máis información.

ÁLBUM DO ENTROIDO

Aproxímanse as datas de celebración do Entroido e por iso vos propoñemos unha actividade que necesita da participación de todos vós e das vosas familias. Queremos facer un ÁLBUM DO ENTROIDO con fotografías de todas as épocas que recollan instantáneas da celebración da festa ao longo do tempo. Con elas faremos unha exposición que estará acompañada de pequenos textos referidos ás mesmas. Así intentaremos elaborar unha pequena historia da celebración do Entroido na nosa vila.
Agardamos a vosa colaboración.
