28/11/11
HABERÁ PRIMAVERA, NOVO LIBRO SOBRE CUNQUEIRO
A editorial Galaxia acaba de publicar un libro-disco Haberá Primavera con catorce poemas de Cunqueiro cantados por César Morán. Un segundo disco inclúe a derradeira entrevista concedida en vida por Álvaro Cunqueiro ao autor deste volume.
18/11/11
SERMOS GALICIA
Un grupo promotor de catorce persoas de distintos ámbitos sociais anuncia a intención de botar a andar un diario dixital e un semanario en papel, un proxecto que consideran “urxente e necesario” nun momento de abafamento dos medios en galego. O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.
Dende este pequeno espazo da rede queremos amosar o noso apoio a esta brillante e tan necesaria iniciativa nestes tempos tan nefastos para os medios de comunicación na nosa lingua.
Este foi o acto de presentación en Foz:
17/11/11
DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS
10 DE DECEMBRO
DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS
Con motivo deste día queremos, entre todos, facer unha reflexión a través dun traballo artístico e colaborativo. Propoñémosvos elaborar un cartel no que, a través dunha imaxe, un collage, un debuxo, … expresedes o que vos suxire o artigo que colocamos na vosa aula.
NORMAS
1. Haberá un único cartel por aula, ( polo tanto, debedes falar sobre o artigo que vos tocou e poñervos de acordo en qué aspecto queredes resaltar e cómo o ides facer)
2. No cartel debe aparecer o texto do artígo da declaración que vos tocou expresar.
3. Haberá cómo mínimo unha imaxe. (Pode ser unha foto, un debuxo, un collage, unha viñeta, … Sede creativos!)
4. Aparecerá un texto no que se explique o que quixestes expresar con esa imaxe.
PRAZO: Entregaranse os traballos na biblioteca escolar antes de día 2 de decembro.
MATERIAL:Haberá unha única cartulina (do formato axeitado)por aula na conserxería para realizar os carteis.
Todos os traballos serán expostos posteriormente nun lugar visible do centro.
14/11/11
O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística anímavos de novo a participar no concurso de tarxetas de Nadal.
Como xa sabedes, trátase de elaborar unha tarxeta de felicitación que transmita unha mensaxe relativa a sentimentos tales como o amor, a paz, a solidariedade, o respecto, a tolerancia… ou calquera outra idea que vós asociedes ao tempo de Nadal pero que non ten por que ser un dos motivos típicos destas festas.
O debuxo que propoñades pode estar realizado con distintas técnicas (asesorádevos cos- coas vosos-as profesores-as de Plástica ou de Informática), en color ou branco e negro, e irá acompañado dunha cita literaria en galego que podedes buscar vós mesmos-as, consultar cos membros do equipo (Manolo Sánchez, Fefi Xove, Ánxeles Peláez) ou un refrán relativo ao tempo do inverno.
O formato das tarxetas será A-5.
O prazo de presentación dos traballos remata o venres, 9 de decembro. Encargaranse de recoller os traballos os-as profesores-as de Plástica.
Todos os traballos presentados serán expostos no centro e a postal gañadora será enviada como felicitación de Nadal a toda a
comunidade educativa.
Ademais haberá premios para os tres mellores traballos.
FUTURO INCERTO DOS EDL
Se o que pretende a Consellaría de Educación é desanimarnos e desmotivarnos, non o vai conseguir. Dende este pequeno espazo na rede animamos a tod@s @s compañeir@s a continuar co seu labor.
Temos unha lingua de noso e nunca nola poderán arrebatar.