29/3/12

AS NOSAS ÁRBORES


O pasado 14 de marzo o alumnado de 2º Eso participou no obradoiro AS NOSAS ÁRBORES.
@s alumnos tiveron a oportunidade de coñecer distintas especies (a través das follas, pólas e troncos) e froitos: carballos, buxos, acivros, landras, castiñeiros ..., as súas características principais, o seu habitat, os distintos nomes que reciben, as enfermidades que sofren... Ademais o obradoiro serviulles tamén para relacionar natureza e lingua xa que asociaron nomes de árbores coa toponimia e antroponimia galega. Un obradoiro moi interesante que resultou moi ameno e entretido. Parabéns a Marcelo polo seu traballo!

3/2/12

EXPOSICIÓN NO CENIMA:SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR

Desde o 4 de febreiro ata o 3 de marzo no CENIMA:  PROXECTO DIDÁCTICO DE CREACIÓN ARTÍSTICA SEN FRONTEIRAS: LUZ E COLOR. ARTE-EDUCA.

Esta exposición é a culminación dun traballo ó que se lle vén dando forma desde novembro de 2011. Desde o Concello de Foz, en estreita colaboración co profesorado do Bacharelato de Artes do IES Monte Castelo de Burela, plantexouse unha proposta didáctica de dinamización e de creación artística destinada a toda a comunidade educativa da Mariña, tomando o CENIMA como centro de operacións e como destino final do produto de todo este proceso creativo. A intención da actividade é achegar a arte á sociedade do xeito máis puro posible, desde a ollada dos máis novos.
É a Arte pola Arte, a Arte sen fronteiras e sen límites.
Toda esta experiencia xira arredor dos conceptos da luz e a cor, como elementos esenciais no tratamento da arte, tomando as vidreiras como o referente histórico que fusiona ambos os elementos. Cóntase coa inestimable colaboración de José Luis Neira Brochs, artesán vidreiro, veciño da comarca, cunha recoñecida traxectoria artística alén das nosas fronteiras, e que tamén participa como parte integrante da mostra.
o noso centro participa neste proxecto xunto con alumnado doutros seis centros educativos da Mariña: o CEIP Nº 1, o Colexio Nosa Sra. Do Pilar, e o Colexio Martínez Otero, do concello de Foz; o IES Monte Castelo, de Burela; o IES Alfoz-Valadouro; e o IES Vilar Ponte, de Viveiro. Todos deixan constancia da súa capacidade creativa tanto nenos de 3 anos como rapaces de bacharelato.

En breve amosarémosvos imaxes do resultado final do traballo do noso alumnado. Non vos despistedes e permanecede atentos ao blog nestes días.



25/1/12

12 MESES, 12 LIBROS



Lembrámosvos (por se hai algún despistado) que na biblioteca tedes a recomendación do libro do mes de xaneiro: A CRIPTA DO APÓSTOLO de PERE TOBARUELA. Ademais tedes información doutros libros do escritor. Cada mes teredes unha nova recomendación que, como sabedes, completa a información do calendario deste ano.

23/1/12

CONCURSO COPLAS DO ENTROIDO



O Equipo de Dinamización Lingüística do IES de Foz convoca o 10º Concurso de Coplas de Entroido, dirixido a todos os alumnos e alumnas do centro.



A actividade consiste en compoñer coplas populares propias do Entroido ás que lles podedes dar ritmo de rap ou calquera outro ritmo que queirades.


A copla é unha estrofa de catro versos de arte menor, con rima asonante nos pares e carácter popular. Nas de Entroido aprovéitase para peneirar aos que xa “andan en coplas” ou aínda non, para facer mofa ou escarnio, por divertimento ou para provocar.

Mira ao teu redor, olla o que pasa no muMira ao teu redor, olla o que pasa no mundo e arma unhas coplas en galego!!!
Animádevos e participade cos vosos compañeiros de aula compoñendo unhas boas coplas cheas de imaxinación e bo humor!!!

PREMIO: Entre os gañadores repartiranse 60 € e as súas creacións aparecerán publicadas na revista do Centro, no blogue do ENDL no blogue da biblioteca. A entrega de premios realizarase o venres, 17 de febreiro durante a xornada de celebración do entroido.
Tod@s os que queirades poderedes interpretar as vosas composicións.

DATA DE ENTREGA: Os traballos poderanse entregar ata o xoves día16 de febreiro de 2012 na biblioteca ou a calquera dos profesores do Equipo de Normalización Lingüística.

Manolo Sánchez
Ánxeles Peláez
Fefi Xove

CURSO DE MICRORRELATOS: PAZ E AMOR






Bases



1. A temática do relato é a paz e o amor. Poderá estar escrito en galego ou en castelán. A extensión máxima é de 250 palabras.


2. Entrega antes do luns 6 de febreiro na biblioteca o teu relato asinado co teu nome e curso. Publicarémolo no panel do concurso. Tamén seleccionaremos algúns relatos para os blogs do instituto.


3. O día 13 de Febreiro o xurado composto por profesores do IES de Foz outorgará tres premios ( microrrelato máis divertido, máis orixinal e mellor escrito). Os gañadores recibirán un lote de libros, música ou cine.



Se queredes ver algún exemplo de microrrelatos, podedes pasar pola biblioteca. Alí tedes algúns expostos.



17/1/12

Desde este pequeno espazo na rede queremos manifestar que o EDL do IES de Foz suscribe totalmente todo o expresado no seguinte documento elaborado pola Coordinadora Galega de ENDL. Aquí vos deixamos o documento para que o poidades ler e reflexionar sobre o que di. Non estaría de máis que o novo Secretario Xeral de Política Lingüistica lle botase unha ollada para evitar levar a cabo unha xestión tan nefasta como a do seu predecesor no cargo.

VALORACIÓN DA XESTIÓN DO SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜISTICA

A CGENDL despide ao Secretario Xeral de Política Lingüística desaprobando a súa xestión e lamentando a herdanza que deixa, nomeadamente no ámbito do ensino, no que a lingua galega sufriu unha involución lexislativa sen precedentes
Co anuncio feito onte por parte da Xunta de Galicia da marcha do actual Secretario Xeral de Política Lingüística ponse fin a unha das etapas máis nefastas deste organismo, durante a que se adoptaron medidas lesivas para a nosa lingua en todos os ámbitos, se lanzou un discurso negativo ao redor do idioma e se crearon novos prexuízos, mesmo amparados e potenciados pola propia administración galega.
Esta situación foi se cabe máis grave no que respecta ao ensino, ambito no que se desenvolve a CGENDL, xa que durante os anos de xestión de Anxo Lorenzo se tomaron unha serie de medidas que nos reiteran nunha valoración negativa do seu traballo á fronte da SXPL:

1/ A derrogación do decreto 124/2007, que desenvolvía a LNL e recollía as medidas do Plan Xeral de Normalización, refrendado por unanimidade no Parlamento Galego coa finalidade de asegurar que o alumnado rematase os seus estudos obrigatorios con plena competencia en ambas linguas oficiais.

2/ A aprobación do decreto 79/2010, que reduce a presenza do galego como lingua vehicular no ensino e imposibilita que a maioría das materias do ámbito científico-tecnolóxico se impartan en galego, contribuíndo a desandar o lento camiño que se trazara na dignificación da lingua.
Ademais de acentuar o desequilibrio entre as linguas oficiais, ao abeiro deste regulamento equiparouse o ensino das linguas estranxeiras ás linguas oficiais e creáronse os centros plurilingües, nos que calquera materia se pode impartir en inglés ensaiando a inmersión neste idioma, mais non se establecen os mecanismos para asegurar que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.

3/ A supresión, en contra da opinión do profesorado e das familias, das exitosas liñas de galego en Educación Infantil que posibilitaban un ensino na nosa lingua nos
primeiros anos de escolarización. Así mesmo, a enquisa programada para escoller a lingua nesta etapa, ademais de enfrontar á sociedade e ser excluínte, elimina a aprendizaxe en galego nos contornos urbanos e semirubanos a pesar da opinión dunha importante porcentaxe das familias.

4/ A falta de interese por aumentar os recursos didácticos, actualizados e de calidade para impartir aulas en galego e por elaborar recursos para a súa aprendizaxe por parte do alumnado estranxeiro e do que ten necesidades educativas especiais.

5/ A despreocupación por dotar o Programa Abalar de materiais en galego (sendo este escasísimo incluso para aquelas materias que deben impartirse na nosa lingua), feito que está a provocar que o idioma fique abeirado nas novas tecnoloxías.

6/ A inacción ante cuestións importantes para o idioma como a desaparición de diversos medios en lingua galega, que son recursos de grande valor didáctico e normalizador, a desaparición de ferramentas normalizadoras de uso didáctico (flocos.tv, oferta cultural aos centros...) ou algunhas simbólicas e de plena actualidade como o silencio outorgador ante a falta de rigorosidade do Valedor do Pobo na censura dun libro de texto.

7/ O abandono dos Equipos por:

● o desamparo ante os ataques criminalizadores que sufrimos e seguimos a sufrir por parte de sectores antidemocráticos que unicamente buscan a desaparición da nosa lingua,
● a falta de coordinación real das actividades normalizadoras dos equipos,
● a ausencia de medidas que faciliten o labor diario, como a regulación de horas de dedicación para os membros dos EDLG, a posta en marcha de programas formativos e de propostas para desenvolver nos centros, a transmisión de información e orientación correcta do traballo, etc., e
● a falta de apoio económico que impide unha planificación seria do traballo: rematou o 1º trimestre do curso 2011-2012 sen que lles ingresaran aos centros as axudas resoltas en novembro de 2010 e neste momento aínda non se convocaron as deste ano, que contemplan un 33% de recorte (dende o ano 2009 a diminución das axudas foi dun 60%). Como consecuencia disto, reséntese fortemente a programación cultural dos centros educativos, desenvolvida en grande parte polos EDLG, que complementan con numerosas actividades a formación do alumnado.

A CGENDL agarda que este departamento comece unha nova etapa na que asuma as funcións que lle son propias e pase a planificar e executar políticas de fomento e promoción do galego na sociedade.

21/12/11

CELEBRAMOS O NADAL NO NOSO CENTRO

Nestas imaxes podedes ver o resultado dos vosos traballos para decorar o noso centro. Moitas grazas pola vosa colaboración e Bo Nadal a tod@s.



DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

Con motivo da celeración do Día dos Dereitos Humanos, o alumnado do IES de Foz realizamos unha actividade coa axuda do profesorado. A actividade foi proposta polo equipo de traballo da biblioteca e o EDL. Cada curso creou carteis que tiñan como tema un dos Dereitos Humanos. Con todos os traballos decoramos uns paneis que logo colocamos na entrada do centro. Nestas parcartas reflexábase o dereito do que se falaba, as súas consecuencias para as persoas e tamén aparecían imaxes que facían referencia a el. Esta foi a nosa pequena colaboración para conmemorar esta data tan importante. Aquí vos deixamos unha pequena mostra dos traballos elaborados. A ver que vos parece.


Alba Díaz Fernández. 4º ESO B


16/12/11

A QUEN VALE O VALEDOR?

Estamos acostumad@s xa dende hai un tempo a ler e escoitar noticias sobre ataques á nosa lingua. Pero a última supera con creces a todas as demais. Cal se supón que é o papel do Valedor do Pobo? A quen representa? Que intereses defende? Se tiñamos algunha dúbida ao respecto, cremos que despois da súa denuncia polo contido dun libro de texto de Coñecemento do Medio, xa nos queda ben claro. Evidentemente non representa @s galeg@s que, coma nós, teñen unha lingua propia e a queren e respectan.

Aquí tedes un interesante artigo de Suso de Toro sobre o tema.

15/12/11

DAQUELAS QUE CANTAN



O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a Axenda Feminista 2012 “Daquelas que cantan”, adicada este ano ás músicas galegas.Trátase dunha homenaxe ás
intérpretes, vocalistas, compositoras, artistas e cantautoras que hoxe en día conforman unha rica polifonía de estilos e propostas variadas en Galiza.

Para visibilizar
o seu traballo, cada mes da axenda está encabezado por unha das nosas moitas músicas, cunha foto delas e cun texto que elas mesmas concebiron e redactaron expresamente para esta axenda. Uxía, Guadi Galego, Silvia Penide, María Xosé Silvar, Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Leilía, Carmen, Maruxa e Tareixa de Fuxan os Ventos, Sonia Lebedynski e as Batuko Tabanka conforman a axenda do Observatorio para o 2012.

A presentación para todo Galiza será o próximo sábado 17 de decembro, ás 12.30h, na libraría compostelá Lila de Lilith (rúa Travesa, nº7). Na mesma, a xente que o desexe xa poderá mercar a axenda e contribuír así a seguir loitando por unha sociedade máis xusta e igualitaria.


Posteriormente a axenda poderase adquirir na citada libraría ou poñéndose en contacto co observatorio a través do mail observatorioigualdade@gmail.com. Tamén haberá unha presentación oficial na Mariña e se facilitará un listado das librarías da Mariña nas que se poida adquirir a axenda.


Non quedes sen ela! Fai xa a túa reserva!





XORNADAS GASTRONÓMICAS: A COCIÑA DE CUNQUEIRO

Continuamos celebrando o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. E que mellor forma de facelo que degustando uns estupendos pratos elaborados con produtos gastronómicos citados polo escritor nas súas obras. Non só en A cociña galega senón tamén en: Merlín e familia, Si o vello Simbad volvese ás illas, Tesouros novos e vellos, Crónicas do Sochantre ...

O alumnado de Hostalería do noso centro elaborou un estupendo menú: polbo á feira, arroz con berberechos, orella frita, lacón con grelos..., e como non: torta de Mondoñedo.

Para relacionar cociña e literatura ocorréusenos a idea de facer uns servilleteiros con citas de obras do escritor alusivas á cociña así como tamén identificar cada mesa cunha obra do autor, cuxa portada do libro figuraba na carta. Amosámosvos estas fotos para que vexades cal foi o resultado.









13/12/11

GAÑADOR@S DO CONCURSO DE TARXETAS DE NADAL

Xa temos gañador@s do concurso de tarxetas de Nadal 2011. Noraboa a tod@s e moitas grazas a tod@s @s que participastes. Lembrade que os vosos traballos estarán expostos nas árbores de Nadal na entrada principal do edificio A.

1º PREMIO: Sabela Fernández Rodicio. 4º ESO B





PREMIO AO ESFORZO: Carla Gallo Marcos. 3º ESO A




PREMIO Á ORIXINALIDADE: Bruno Martínez. 1º ESO B


2/12/11

MONDOÑEDO PREPARA A CELEBRACIÓN DO CENTENARIO DO NACEMENTO DE CUNQUEIRO


A asociación cultural 'Abrindo Camiño', coa colaboración do Concello de Mondoñedo, a Diputación de Lugo, a Editorial Galaxia e a familia do propio escritor, prepara unha representación teatral da obra "A Noite de Merlín", na que participarán máis de duascentas persoas, para celebrar o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro.Como director de coreografía de "A noite de Merlín" exerce Isidoro Rodríguez Pérez, mentres que Elías Noel é o guionista e Xan Carballal, director da Escola de Música de Mondoñedo, compuxo a música que se interpretará en directo durante as máis de tres horas que durará a representación. Durante a representación da obra proxectarase unha produción audiovisual que recolle escenas das anteriores representacións esta obra.

A homenaxe que terá lugar o venres, 17 de decembro completarase cunha mesa redonda sobre a "poesía, o teatro e a fábula" na obra de Cunqueiro.












CATALUÑA ACHÉGASE A CUNQUEIRO


A Universitat de Barcelona e o seu Centro de Estudos Galegos organizaron onte unha xornada sobre o autor mindoniense. A través de dúas mesas redondas analizaron a estreita relación que Cunqueiro mantivo con Cataluña grazas á súa amizade coa intelectualidade da comunidade e á súa colaboración con algunhas publicacións.
A homenaxe complétase cunha exposición bibliográfica que permanecerá aberta ata o día 15 na Biblioteca de Lletres da Universitat de Barcelona.
Os actos adicados a Álvaro Cunqueiro súmanse ao seminario sobre Rosalía de Castro organizado polo centro de estudos galegos da capital catalá baixo o título "Unha musa fecunda"

1/12/11

CUNQUEIRO DE CUMPREANOS

Para celebrar o centenario do nacemento do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, alumnado de todos os cursos, profesorado, persoal non docente e pais e nais participamos nun recital de distintos textos da obra do autor: Os outros feirantes, Merlín e familia, A cociña galega, Poemas do si e non, Dona do corpo delgado, Se o vello Simbad volvese ás illas ...
Este acto, que foi acompañado dunha presentación en Power Point que amosaba un percorrido pola vida do autor, serviu tamén para inaugurar o curso de actividades da biblioteca e do ENL.
@s destinatarios da act
ividade foron @s alumn@s de 1º ESO, para que visen o funcionamento e o tipo de actividades que se realizan na biblioteca.





28/11/11

HABERÁ PRIMAVERA, NOVO LIBRO SOBRE CUNQUEIRO


A editorial Galaxia acaba de publicar un libro-disco Haberá Primavera con catorce poemas de Cunqueiro cantados por César Morán. Un segundo disco inclúe a derradeira entrevista concedida en vida por Álvaro Cunqueiro ao autor deste volume.

18/11/11

SERMOS GALICIA

Un grupo promotor de catorce persoas de distintos ámbitos sociais anuncia a intención de botar a andar un diario dixital e un semanario en papel, un proxecto que consideran “urxente e necesario” nun momento de abafamento dos medios en galego. O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva, un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.

Dende este pequeno espazo da rede queremos amosar o noso apoio a esta brillante e tan necesaria iniciativa nestes tempos tan nefastos para os medios de comunicación na nosa lingua.

Este foi o acto de presentación en Foz:

17/11/11

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS


10 DE DECEMBRO

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

Con motivo deste día queremos, entre todos, facer unha reflexión a través dun traballo artístico e colaborativo. Propoñémosvos elaborar un cartel no que, a través dunha imaxe, un collage, un debuxo, … expresedes o que vos suxire o artigo que colocamos na vosa aula.

NORMAS

1. Haberá un único cartel por aula, ( polo tanto, debedes falar sobre o artigo que vos tocou e poñervos de acordo en qué aspecto queredes resaltar e cómo o ides facer)

2. No cartel debe aparecer o texto do artígo da declaración que vos tocou expresar.

3. Haberá cómo mínimo unha imaxe. (Pode ser unha foto, un debuxo, un collage, unha viñeta, … Sede creativos!)

4. Aparecerá un texto no que se explique o que quixestes expresar con esa imaxe.

PRAZO: Entregaranse os traballos na biblioteca escolar antes de día 2 de decembro.

MATERIAL:Haberá unha única cartulina (do formato axeitado)por aula na conserxería para realizar os carteis.

Todos os traballos serán expostos posteriormente nun lugar visible do centro.

14/11/11

Concurso de tarxetas de Nadal

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística anímavos de novo a participar no concurso de tarxetas de Nadal.

Como xa sabedes, trátase de elaborar unha tarxeta de felicitación que transmita unha mensaxe relativa a sentimentos tales como o amor, a paz, a solidariedade, o respecto, a tolerancia… ou calquera outra idea que vós asociedes ao tempo de Nadal pero que non ten por que ser un dos motivos típicos destas festas.

O debuxo que propoñades pode estar realizado con distintas técnicas (asesorádevos cos- coas vosos-as profesores-as de Plástica ou de Informática), en color ou branco e negro, e irá acompañado dunha cita literaria en galego que podedes buscar vós mesmos-as, consultar cos membros do equipo (Manolo Sánchez, Fefi Xove, Ánxeles Peláez) ou un refrán relativo ao tempo do inverno.

O formato das tarxetas será A-5.

O prazo de presentación dos traballos remata o venres, 9 de decembro. Encargaranse de recoller os traballos os-as profesores-as de Plástica.

Todos os traballos presentados serán expostos no centro e a postal gañadora será enviada como felicitación de Nadal a toda a

comunidade educativa.

Ademais haberá premios para os tres mellores traballos.


Animádevos e amosade a vosa creatividade!!!

FUTURO INCERTO DOS EDL

Retomamos o noso blog sen saber a estas alturas que vai pasar cos Equipos de Dinamización Lingüística. A día de hoxe continuamos sen ter ningunha nova relativa á convocatoria dos proxectos de fomento do galego. O malestar e a indignación que sentimos ante esta situación non nos vai impedir seguir traballando a prol da nosa lingua.
Se o que pretende a Consellaría de Educación é desanimarnos e desmotivarnos, non o vai conseguir. Dende este pequeno espazo na rede animamos a tod@s @s compañeir@s a continuar co seu labor.
Temos unha lingua de noso e nunca nola poderán arrebatar.