19/5/10

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS COS FOCEGOS

Despois de convocar un concurso de caricaturas de Uxío Novoneyra, e resultando gañadora a presentada por Alberto López Freire de 2º ESO B, elaborouse no centro un marcapáxinas que foi repartido por un grupo de alumnas de 2ºESO nas librarías de Foz para que agasallasen aos focegos no día das Letras Galegas.
Moitas felicidades a Alberto!!! e aquí tedes o resultado do traballo:


18/5/10

MANIFESTACIÓN 17 DE MAIO

Unha vez máis as rúas de Compostela se encheron de miles de galeg@s dispostos a celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e defender a súa lingua ante os continuos ataques do goberno de Feijoo. Aproveitamos as palabra pronunciadas por Uxío Novoneyra no pregón da feira do libro de Compostela (1987) para enviar unha mensaxe ao presidente da Xunta: "Todos somos galegos e todos temos responsabilidades como tales galegos, e estas responsabilidades van máis aló das ideoloxías, das premisas do propio partido. Responden a algo máis profundo. E non valen medias tintas. Hai que estar, si ou non con Galicia. E non se pode dicir que se está con Galicia cando non se sinte a responsabilidade da pervivencia da nosa lingua como meta primordial".



14/5/10

ENTREVISTA A UXÍO NOVONEYRA

Esta interesantísima entrevista inédita a Uxío Novoneyra que nos facilita ó IES de Foz o profesor Ramón Reimude foi realizada no ano 1985 no Instituto feminino de Lugo por un grupo de alumnas.










12/5/10

CORRELINGUA 2010 NA MARIÑA

Aquí tedes unha pequena mostra do bo número de alumn@s de centros educativos da mariña lucense participantes no CORRELINGUA deste ano. A carreira da lingua na súa décima edición comezou o día 3 de maio en Compostela e rematará en Verín o día 14. Arredor de 45. 000 moz@s reivindicarán dunha maneira lúdica a normalización do seu idioma baixo o lema: O GALEGO, A FORZA DO NOSO AMOR.



NOVO REXEITAMENTO AO DECRETO DO PLURILINGÜISMO

O informe do Consello Consultivo sobre o Decreto do Plurilingüismo probablemente non vai ser do gusto do noso conselleiro de educación nin, por suposto, do secretario xeral de política lingüística. Este informe sumarase ao do Consello da Cultura Galega, ao da RAG e ao do Consello Escolar de Galicia. Evidentemente, como se trata dun órgano meramente consultivo, A Xunta de Galicia, continuando na súa liña, fará oídos xordos e non terá en conta este novo informe. Está claro que as promesas electorais a determinados sectores pesan moito. Non si?. A noticia en O Xornal.

3/5/10

ACHEGÁMONOS AO TEATRO


FRAN PAREDES, actor da compañía TEATRO DE NINGURES estivo con nós no instituto para presentarnos a obra ATRA BILE de Laila Ripol. Esa mesma tarde @s compoñentes do grupo teatral poñían en escena a obra na sala Bahía de Foz. Despois de falarnos un pouquiño sobre o argumento da obra e os seus personaxes, tivemos a oportunidade de facerlle preguntas sobre o seu traballo de actor e outras curiosidades relacionadas coa actividade teatral. Dámoslle as grazas pola súa visita e por responder de tan bo grado as nosas cuestións.

2/5/10

ANTONIO REIGOSA NO IES DE FOZ




O escritor ANTONIO REIGOSA estivo con nós hai unhas semanas e contounos moitas cousas interesantes (que a maioría de nós descoñeciamos) sobre lendas e personaxes míticos (trasnos, meigas, vellas, mouros-as, tía Xoana ...). A presentación da actividade foi entretida e a comunicación moi boa xa que nós tamén puidemos participar e falar sobre lendas que coñeciamos. Gustaríame volver a participar nesta actividade.

MARÍA DEL MAR GARCÍA GARCÍA, 2º ESO

A COVA DA PRAIA DA RAPADOIRA


O venres 23 de abril visitou o noso insti ANTONIO REIGOSA e na biblioteca presentounos axudado de imaxes lendas e mitos da mariña lucense e falounos tamén de personaxes míticos de longa tradición en Galicia.
A min gustoume a lenda da pena da salsa de Fazouro xa que coñezo o lugar e non sabía que existisen lendas localizadas nel. Pero a lenda que fixo que me interesase aínda máis a actividade foi a da cova da praia da Rapadoira p orque no verán entrei moitas veces nela cos meus amigos para explorala. Gustaríame coñecer máis datos sobre os misterios que garda a cova. Sería pois boa idea que Antonio Reigosa volvese ao noso centro o próximo cursopara contarnos máis lendas.

RICHARD GONZÁLEZ VEIGA, 2º ESO

UNHA ACTIVIDADE ENTRETIDA



A actividade en que participamos @s alumn@s de 2º ESO e que trataba sobre mitos e lendas da mariña gustoume e ademais permitiu que soubese da existencia do dicionario dos seres mitolóxicos, escrito por ANTONIO REIGOSA. Algunhas das lendas que nos contou están localizadas en lugares que coñecemos e a maneira que tivo de explicalas, axudado co imaxes foi moi entretido xa que nos axudou a imaxinar como sería a lenda.
Falounos tamén de personaxes míticos como os trasnos, dos cales hai moi diferentes tipos.
a actividade pareceume interesante xa que é unha maneira doada de coñecer lendas que nosos pais xa coñecen.

MELLY DÍAZ ANDRADE, 2º ESO

A CASA DA ESPIÑEIRA


O venres, 16 de abrilo, estivo con nós ANTONIO REIGOSA, escritor e recompilador de lendas. Contounos moitas lendas da mariña lucense e unha delas foi a da CASA DA ESPIÑEIRA, xa coñecida por min. El contounos que o home da casa se fora loitar á guerra e deixara a súa familia soa. Pasaron os anos e un día chegou a mala nova de que o home falecera. A familia estaba moi triste. Pasou o tempo e unha noite a filla máis nova foi pechar as contras e viu unha man pasando pola beira do camiño. Así continuou durante varias noites. Un día, a filla moi asustada percibiu a estraña man coma sempre, pero esa noite notou que se acercaba á ventá. Viu horrorizada como ía aparecendo a figura do pai, que antes de descansar para sempre en paz, necesitaba ver a súa familia por última vez para pedirlles que foran a San Andrés de Teixido, xa que el non o puidera facer en vida. A familia cumpriu o que o pai lles pedira e nunca máis volveu aparecer.
Eu coñecía esta lenda contada por miña avoa, pero en vez dunha man o que aparecía eran luces que representaban a alma do defunto.

JULIA GARCÍA CURRÁS, 2º ESO

A LENDA DA VILA DA MIÑA NAI


Hai unhas semanas participamos nunha actividade organizada polo ENDL e a BIBLIOTECA do noso IES. O tema trataba sobre LENDAS E MITOS DA MARIÑA e o poñente foi o escritor ANTONIO REIGOSA.
Comezou contándonos os lugares que percorreu para recoller as lendas e tamén os sitios onde se localizaban. Un dos lugares do que nos falou foi As penas da salsa (Fazouro) e tamén nos explicou os distintos personaxes mitolóxicos que había na Mariña e o que facían: mouras, trasnos, o home do saco, sereas ..., pero aínda que el non o nomeou, meus pais cando eu era pequeniña, falábanme do SACAUNTOS.
Ademais explicounos a diferenza entre as lendas tradicionais e as urbanas e tamén nos dixo que para que as lendas pervivan no tempo teñen que actualizarse.
Como só nos falou de lendas localizadas na Mariña, a min gustaríame contarlle esta lenda da vila da miña nai: hai moitos anos nunha vila que estaba baixo o mandato do Conde de Lemos, un día uns aldeáns viron unha persoa cunha pelica mallando os habitantes do lugar. Todos pensaron que era un recadador de impostos pero a nobreza dixo que non estaba ao seu cargo. Nunca se soubo quen ou que era, pero aínda hoxe nas festas patronais aparece esa figura e malla na xente.

SABELA FERNÁNDEZ RODICIO, 2º ESO

UN HOME NA ESTRADA


ANTONIO REIGOSA visitou o noso centro o día 23 de abril e falounos sobre un tema moi interesante: lendas e mitos da mariña.
As lendas son contos ou historias tradicionais que van pasando de xeración en xeración. Por iso, moitas persoas coñecen a mesma historia pero con algúns feitos distintos. E esas lendas tradicionais poden dar lugar ao que hoxe coñecemos como lendas urbanas.
A que maís me gustou foi a seguinte: trataba sobre un home que aparecía no medio da noite nunha estrada. Este paraba a toda a xente que atopaba e dáballes dúas opcións para escoller: unha gravata ou unha boca de pallaso. Aos que escolían a primeira opción, cortáballes a gorxa e logo sacáballes a lingua. Pero se pola contra escollían a segunda, facíalles un corte en cada un dos extremos dos beizos e así quedaban para o resto dos seus días.

NOELIA PILLADO FRAGA, 2º ESO

PARA CONTAR UNHA LENDA HAI QUE CRER NELA


A verdade é que a charla de Antonio Reigosa foi moi interesante. Algunhas das lendas das que nos falou xa as coñecía porque están localizadas moi preto de onde eu vivo, e outras, como a da Espiñeira, que era a primeira vez que escoitaba, chamaron a miña atención. A verdade é que a min sempre me gustaron as lendas, sobre todo as de lugares que coñezo porque deixo voar a miña imaxinación e localízoas na miña mente.
Creo que ANTONIO REIGOSA dalgunha maneira nos quixo transmitir que quen cre nunha lenda é quen de contala e se non a cre, non a conta.
Gustaríame felicitar ao escritor polo seu libro MEMORIAS DUN RAPOSO co que me rin moito léndoo.

ALBA DÍAZ FERNÁNDEZ, 2º ESO

LENDAS DA MARIÑA


Xa hai uns días que estivo no noso centro ANTONIO REIGOSA para nos contar unha morea de lendas da Mariña de Lugo. Eu, moitas delas non as coñecía; nin sequera oíra falar delas. Pero si que coñecía unha que acontece nunha curva da antiga estrada de Mondoñedo e outra que trata sobre un coche que circula pola noite sen as luces acesas.
A súa visita gustoume moito xa que nos transmitiu lendas localizadas e recollidas en lugares moi preto da nosa vila e que moitos de nós descoñeciamos. Espero que volva outro día e nos poida seguir contando moitas máis.

SOFÍA DÍAZ BASANTA, 2º ESO

TRABALLOS CONCURSO DE LOGOS

Como vos prometemos amosámosvos os traballos presentados ao CONCURSO DE LOGOS do ENDL. Agardamos as vosas opinións para axudarnos a decidir cal é o traballo gañador.







CONCURSO DE CARICATURAS

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) do IES de Foz convoca un concurso de caricaturas sobre a figura de UXÍO NOVONEYRA, autor homenaxeado nas LETRAS GALEGAS 2010.

BASES


1- Poderán participar tod@s @s alumn@s do IES.
2- Cada alumn@ poderá presentar un máximo de tres debuxos.
3- As caricaturas poderan ser realizadas en cor ou branco e negro e empregando calquera técnica gráfica.
4- Os traballos poderánse presentar en formato A4 ou A3
5- Os traballos entregaranse aos profesore-as de Plástica ou aos profesores-as do ENDL do centro.

6- Na parte posterior dos debuxos incluirase o nome e apelidos d@ participante e o curso/grupo ao que pertence.
7- O prazo de presentación dos traballos rematará o 7 de maio (venres)
8- O xurado estará composto por profesorado da materia de plástica e membros do ENDL.
9- Haberá un único premio para o traballo mellor valorado. O premio consistirá nun vale de compra de 20 €

Os traballos serán colgados no blogue do equipo (xameentendes.blogspot.com).O fallo do xurado farase público no blogue do equipo e no da biblioteca na última semana de abril.

O traballo gañador será empregado para elaborar un marcapáxinas conmemorativo do Día das Letras Galegas 2010.