12/11/10

NOTA DE PRENSA DA COORDINADORA GALEGA DE ENDL


A resolución de axudas ao fomento do galego déixalles 7 días aos centros educativos para a súa xustificación A CGENDL denuncia que a tardía resolución das axudas ao fomento do galego correspondentes ao ano 2010 impón prazos de dificil cumprimento e imposibilitan a execución planificada dos proxectos de colexios e institutos, polo tanto dificultan o traballo normalizador nos centros escolares. A resolución publicada o día 3 de novembro obriga a xustificación de facturas por valor dun 25% das axudas con data anterior ao 15 de novembro (7 días lectivos) cando aínda o día 13 remata o prazo de reclamación. A redución dun 25% das axudas no exercicio do 2011, que se suma a un 20% no ano 2010, suporá a eliminación de numerosas actividades de formación do alumnado. A resolución da convocatoria anual das axudas para o fomento do galego no ensino non universitario deuse a coñecer o pasado mércores día 3 deixándolles aos colexios e institutos 7 días lectivos entre o día en que souberon a contía da que dispoñen e o día límite para xustificar parte dos seus proxectos de normalización e dinamización lingüística. A Coordinadora Galega de ENDL considera que o feito de que as bases da convocatoria contemplen que o 25% da contía concedida se deba xustificar antes do día 15 de novembro dificulta enormemente a xustificación orzamentaria das axudas pois a maioría dos centros escolares non desenvolveron as actividades proxectadas polo temor a non dispoñer dos recursos necesarios para que se levasen a cabo. Esta situación agrávase, segundo a CGENDL, se se ten en conta que o prazo para que os centros reclamen a resolución provisional da Secretaría Xeral de Política Lingüística remata tan só dous días antes do vencemento do prazo para a presentación de facturas. Dende a CGENDL laméntase que estes prazos irracionais, aos que hai que sumar a redución drástica de orzamentos (un 20% no 2010 e un 25% no 2011) poñan en perigo e dificulten o labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e, en consecuencia, a organización de actividades que melloran a competencia lingüística do alumnado e promoven a superación dos prexuízos existentes sobre a lingua galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario