15/12/11

DAQUELAS QUE CANTAN



O Observatorio da Mariña pola Igualdade presenta a Axenda Feminista 2012 “Daquelas que cantan”, adicada este ano ás músicas galegas.Trátase dunha homenaxe ás
intérpretes, vocalistas, compositoras, artistas e cantautoras que hoxe en día conforman unha rica polifonía de estilos e propostas variadas en Galiza.

Para visibilizar
o seu traballo, cada mes da axenda está encabezado por unha das nosas moitas músicas, cunha foto delas e cun texto que elas mesmas concebiron e redactaron expresamente para esta axenda. Uxía, Guadi Galego, Silvia Penide, María Xosé Silvar, Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Leilía, Carmen, Maruxa e Tareixa de Fuxan os Ventos, Sonia Lebedynski e as Batuko Tabanka conforman a axenda do Observatorio para o 2012.

A presentación para todo Galiza será o próximo sábado 17 de decembro, ás 12.30h, na libraría compostelá Lila de Lilith (rúa Travesa, nº7). Na mesma, a xente que o desexe xa poderá mercar a axenda e contribuír así a seguir loitando por unha sociedade máis xusta e igualitaria.


Posteriormente a axenda poderase adquirir na citada libraría ou poñéndose en contacto co observatorio a través do mail observatorioigualdade@gmail.com. Tamén haberá unha presentación oficial na Mariña e se facilitará un listado das librarías da Mariña nas que se poida adquirir a axenda.


Non quedes sen ela! Fai xa a túa reserva!





No hay comentarios:

Publicar un comentario